Salgado-perillo e cabo da cruz, imparables en moaña
A falta dunha fin de semana para a conclusión da temporada regular na Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia, as embarcacións que lideran a Liga Feminina e a Liga A non deixan de acumular triunfos. Salgado-Perillo, nas mulleres, e Cabo da Cruz, nos homes, impuxéronse este domingo no campo de regatas de Tirán, en Moaña. Aos dous equipos danlles as contas para conquistar matematicamente os títulos o vindeiro sábado en Castropol, onde se disputará a penúltima xornada de ambas competicións.
Salgado-Perillo mantense invicta na Liga Feminina. A súa sétima vitoria acadouna cunhas condicións de mar calmo na VI Bandeira Feminina Concello de Moaña. No primeiro dos dous longos, a quenda de honra encabezouna a tripulación anfitrioa. Tirán-Pereira virou 3 segundos antes que as portadoras da camisola amarela e avantaxando en 5 e en 9 segundos, respectivamente, a Amegrove e Chapela-Wofco. As locais non puideron conservar a primeira posición no parcial de volta, tendo que conformarse coa segunda posición. Salgado-Perillo venceu por 3 segundos e 66 centésimas de diferenza. A 11 segundos das gañadoras finalizou Amegrove e Chapela-Wofco fíxoo a 15” na cuarta praza.
As catro traiñeiras da quenda de honra rebaixaron o rexistro de Cabo da Cruz, moi dominadora da primeira serie. As de Boiro bateron por 22” ás súas veciñas de Rianxo, que á súa vez entraron nas boias de meta case 3” antes que Castropol. A clasificación pechouna Esteirana.
Cando restan dúas regatas puntuables para que se complete o calendario da Liga Feminina -as de Castropol e Cabo da Cruz- a vantaxe de Salgado-Perillo respecto a Chapela Wofco aumenta a 12 puntos. Tirán é terceira con 41 e Amegrove, cuarta con 37. Na quinta praza continúa Cabo da Cruz con 32 e na sexta, Rianxo con 18, mentres que a Esteirana, sétima con 13, achégaselle a 2 puntos Castropol, que ten 11.
LIGA A
O vento fixo acto de presenza despois de que se entregara a Bandeira Feminina, durante os prolegómenos da 44ª Bandeira Concello de Moaña, novena xornada da Liga A. As dúas primeiras quendas disputáronse lanzadas e dende a primeira virada marcou Bueu-Simei os rexistros de referencia. A Maruxía foise distanciando paulatinamente das súas compañeiras de serie Mugardos e Narón, que protagonizaron un vibrante man a man que se apuntou A Bestarruza por 2”. Ningunha destas dúas traiñeiras puido dende a primeira ceboga cos tempos da outra representante da súa ría, de A Cabana Ferrol, gañadora con contundencia da primeira manga, na que se mediu con Cesantes-Rodavigo e Castropol. Nesta ocasión, a diferenza do acontecido o domingo anterior, a Rita Regojo superou á Ría del Eo
A forza do vento incrementouse coincidindo coa posta en marcha da quenda de honra. Das catro mellores clasificadas na xeral da Liga A, só a líder mellorou na primeira ceaboga o tempo que marcara Bueu-Simei. Esa traiñeira foi a de Cabo da Cruz e conseguiuno por 1 segundo. Na seguinte virada xa o logrou por 4”, na terceira por 5” e na meta a líder imporías por 10” rubricando o seu oitavo triunfo consecutivo.
A marca de Bueu-Simei tamén foi a principal preocupación de Tirán-Pereira. Os locais quedáronse a 2” da referencia da Maruxía na primeira virada, na segunda igualárona e na terceira volvía ser de 2” favorable aos vencedores da quenda intermedia. O segundo posto na regata decidiuse no último parcial... e por un suspiro. Catro centésimas favorables a Tirán-Pereira outorgáronlle unha segunda praza que lle permitiu adiantar na xeral aos seus veciños de Samertolameu-Oversea.
Meira, que defendía 1 punto de vantaxe na pugna pola segunda posición na xeral, obtivo un traballado cuarto posto. Non llo puxo nada doado Mecos, que virou 1” por diante de Samertolameu-Oversea na primeira ceaboga. Os Tercos adiantaron á Mequiña no segundo parcial e ademais metéronlle 2”, renda que pasou a 3” no terceiro longo e que sería de 2” definitivamente na meta.
Compartindo calendario coa Liga Feminina a vindeira fin de semana, a Liga A encabézaa Cabo da Cruz con 13 puntos de colchón. Os remeiros do conxunto de Boiro buscarán celebrar o ‘alirón’ o sábado en Castropol para remar xa como campións o domingo na súa regata. Os puntos repartidos en Moaña provocaron dous cambios na xeral. Tirán-Pereira situouse segunda, con 76 puntos, desprazando a Samertolameu-Oversea, agora terceira con 75. Pola súa banda, A Cabana Ferrol (34 puntos) desbanca a Narón (33) do sétimo posto, pero ambas seguen tendo billete para o playoff de permanencia. O resto de posicións semellan máis definidas con Mecos cuarta (62), Bueu-Simei quinta (54), Mugardos sexta (45) e na zona de descenso directo Cesantes-Rodavigo é novena con 17 puntos e Castropol, décima con 10.
