Salgado Perillo mantén o pleno e Puebla vence en Rianxo
Rianxo rematou terceira, pero segue líder
A mala sorte cebouse con Amegrove, cuxa piqueira caeu ao mar e condicionou as opcións de vitoria da tripulación
A Liga Galega de Traiñeiras regresou este sábado a Rianxo para disputar unha nova xornada da competición, a sexta tanto para a Liga B como para a Liga Feminina. A Liga B puxo en xogo a XXII Bandeira Concello de Rianxo, mentres que a competición feminina disputou a V Bandeira Feminina Concello de Rianxo. A xornada estivo marcada por un ceo con alternancia de nubes e claros, pouca mar e ventos que superaron os dez quilómetros por hora.
Na Liga B, a primeira quenda estivo formada por Chapela Wofco B, Bueu Simei B e Ribeira. Bueu Simei B marcou o mellor ritmo nos primeiros metros e chegou á primeira virada en primeira posición, aínda que con Chapela Wofco B e Ribeira moi preto, mantendo as tres embarcacións unha diferenza mínima.
Na segunda virada, Ribeira protagonizou a primeira gran remontada da manga e colocouse na cabeza, pasando Bueu Simei B á segunda posición e Chapela Wofco B á terceira. A igualdade continuaba sendo máxima entre as tres embarcacións.
Na terceira virada, Ribeira mantíñase á fronte, mentres Chapela Wofco B lograba superar por un segundo a Bueu Simei B para colocarse segunda. As tres traiñeiras continuaban moi igualadas e con todo por decidir.
No último longo, Chapela Wofco B protagonizou a remontada definitiva para superar a Ribeira e facerse coa vitoria por apenas 37 centésimas. Bueu Simei B, que se mantivera na loita durante boa parte da manga, acabou cedendo terreo no tramo final e rematou terceira.
Na quenda de honra tomaron a saída Cabo B, Salgado Perillo, o líder e anfitrión Rianxo e Puebla. Puebla asumiu o liderado desde os primeiros metros e chegou á primeira virada con dous segundos de vantaxe sobre Salgado Perillo e outros dous sobre Rianxo. Cabo B pasaba algo máis atrasada.
Na segunda virada, Puebla mantíñase á fronte, con Salgado Perillo a tres segundos. Rianxo quedaba xa a catro segundos de Perillo, mentres Cabo B comezaba a perder contacto coa cabeza da manga.
Na terceira e derradeira virada, Puebla conservaba o liderado, aínda que Salgado Perillo reducía a diferenza ata os dous segundos. Rianxo situábase xa a dez segundos de Perillo, mentres Cabo B quedaba máis afastada.
No último longo, Puebla confirmou a vitoria con certa marxe sobre Salgado Perillo, logrando así a súa segunda bandeira da tempada. Salgado Perillo asegurou a segunda posición e Rianxo rematou terceira, aínda que mantén o liderado da Liga B con cinco puntos de vantaxe. Cabo B foi cuarta.
Tras a disputa da Liga B deu comezo a competición feminina, cunha primeira quenda formada por Esteirana, Castropol, as anfitrioas de Rianxo e Cabo da Cruz.
Cabo da Cruz tomou o mando desde os primeiros metros e chegou á virada en primeira posición cun tempo de 5:18, moi por diante das súas rivais. Rianxo e Esteirana pasaban practicamente igualadas, ambas con 5:29, mentres Castropol o facía en 5:30.
No longo final, Cabo da Cruz non tivo problemas para certificar a vitoria da quenda. Por detrás, Rianxo e Esteirana mantiveron a igualdade ata os últimos metros, sendo finalmente a embarcación local quen asegurou a segunda posición por algo máis dun segundo. Castropol quedou máis descolgada e rematou cuarta.
Na segunda quenda tomaron a saída as catro principais favoritas, Chapela Wofco, Amegrove, Salgado Perillo e Tirán Pereira. A virada deparou un dos momentos máis destacados da xornada. Amegrove chegaba liderando, practicamente á par de Salgado Perillo, cunhas centésimas de vantaxe sobre a embarcación líder da competición. Chapela Wofco pasaba tres segundos por detrás, mentres Tirán Pereira viraba xa cuarta e lonxe da cabeza.
Porén, durante a virada a piqueira de Amegrove caeu ao mar, obrigando á embarcación a deter a súa marcha para agardar a que puidese regresar ao barco. A perda de tempo condicionou por completo as opcións de Amegrove na loita pola vitoria.
Sen Amegrove na loita pola cabeza, Salgado Perillo non tivo problemas para controlar o último longo e facerse coa vitoria da manga. Chapela Wofco asegurou a segunda posición. Tirán Pereira acabou terceira de quenda, pero o seu tempo quedou por detrás do marcado por Cabo da Cruz, que dende a primeira quenda rematou terceira na xeral.
Amegrove logrou recompoñerse tras o incidente e completou a súa quenda na cuarta posición, pero o seu rexistro foi suficiente para superar os tempos de Rianxo e Esteirana, o que lle permitiu finalizar quinta na clasificación xeral da bandeira.
Con este triunfo, Salgado Perillo mantén o pleno na competición feminina: seis xornadas, seis vitorias, consolidándose aínda máis á fronte da clasificación.
