Chapela impón a súa lei en Bueu e A Cabana pecha a Liga B con pleno de vitorias
O porto de Bueu acolleu esta fin de semana unha nova cita da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia, marcada por un día de calor abafante e condicións mariñas completamente tranquilas, sen vento nin ondada. A quinta e derradeira xornada da Liga B coincidiu coa sexta da Liga A, nunha dobre sesión que puxo en xogo dúas bandeiras: a I Bandeira Praia de Pescadoira para os clubs da Liga B e a XXX Bandeira Concello de Bueu para os da categoría principal. A vila morracense viviu unha intensa xornada de remo baixo un ambiente festivo e mariñeiro.
A competición da Liga B desenvolveuse en dúas quendas lanzadas, co título xa decidido a favor da Cabana de Ferrol antes de bogar. Na primeira quenda, Bueu Simei B impúxose con autoridade a Salgado Perillo, marcando un ritmo firme dende a primeira virada e sen dar opcións ao conxunto rival. Na segunda quenda, a loita pola bandeira mantivo certa tensión inicial, cun arranque axustado entre A Cabana e Chapela Wofco B, que chegou a menos dun segundo na primeira referencia. Porén, a pugna durou apenas un longo: na segunda virada, os ferroláns xa se destacaban con sete segundos de vantaxe, mentres que Puebla intentaba achegarse a Chapela sen éxito, chegando a colocarse a cinco segundos para despois ir perdendo terreo progresivamente. Así, A Cabana de Ferrol asinou un pleno de vitorias na tempada e levou a I Bandeira Praia de Pescadoira, confirmando o seu dominio absoluto na categoría. Chapela Wofco B acadou a segunda posición, o seu mellor resultado do ano, e Puebla foi terceira, pechando a liga como sub campioa. Completaron a clasificación da regata Bueu Simei B e Salgado Perillo.
Tras a competición da Liga B, chegou a quenda da categoría principal, coa disputa da XXX Bandeira Concello de Bueu. A regata comezou tamén en formato de quendas lanzadas, coa primeira composta por Cabo da Cruz, Mugardos e Cesantes Rodavigo, e a segunda por Bueu Simei, Urme, Narón e Mecos. O protagonismo foi claro para o equipo anfitrión, que, ante a súa afección, impuxo un ritmo incansable dende o inicio e liderou con moita autoridade en todos os parciais. A emoción estivo nos postos seguintes, cun arranque moi igualado: na primeira virada, Mugardos, Urme e Mecos asinaban tempos idénticos, mentres que Narón e Cabo quedaban a dous segundos e Cesantes Rodavigo a cinco. A partir do segundo longo, a loita fragmentouse: Urme consolidou a segunda posición tras os de Bueu, mentres Mugardos e Mecos continuaban empatados nun pulso emocionante. Narón e Cabo mantiñan tempos similares máis atrás, con Cesantes tentando recortar distancias. Finalmente, Mugardos logrou superar a Mecos no último tramo e fixo co terceiro mellor tempo da xornada, por detrás de Urme. Narón impúxose na súa pelexa particular con Cabo, mentres Cesantes Rodavigo, a pesar do esforzo final, non conseguiu alcanzar aos de Boiro.
Na última quenda da xornada tomaron a saída os catro mellores equipos da clasificación xeral: Chapela Wofco, Tirán Pereira, Samertolameu Oversea e Castropol. O líder da liga, Chapela, asumiu o mando dende os primeiros metros, con Tirán e Meira moi pendentes e Castropol algo máis descolgada. Os asturianos rexistraron un tempo apenas dous segundos mellor có de Bueu Simei na primeira virada, marcando xa un ritmo inferior ao do resto da quenda. Na segunda referencia, a loita polo triunfo reduciuse a dous nomes: Chapela e Tirán, mentres Samertolameu perdía contacto e Castropol confirmaba as súas dificultades, xa dous segundos por detrás dos anfitrións. Tirán apertou ata o final, pero Chapela volveu amosar a súa firmeza competitiva e sumou unha nova bandeira, consolidando o liderado na clasificación. Terceira posición para Samertolameu e cuarta para Castropol, que rematou cun tempo inferior ao de Bueu Simei, facendo que ambos equipos empaten agora na táboa xeral na loita polos postos de honra.
