Cabo tamén impón a súa lei na contra o reloxo de Ferrol
O mes de agosto, o definitivo na Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia, comezou coa XVIII Bandeira Concello de Ferrol – VIII “Memorial Miguel Derungs Criado”. A sétima xornada da Liga A tivo que disputarse, por mor das condicións do campo de regatas, como contra o reloxo e neste formato a líder tamén impuxo a súa lei. Cabo da Cruz sumou na Enseada da Cabana a súa sexta vitoria consecutiva.
A embarcación de Boiro marcou a mellor referencia na quenda de honra dende o primeiro dos seis longos. No parcial inicial conseguiu unha renda de 3 segundos e o golpe de efecto decisivo deuno no terceiro longo, con vento en contra, duplicando a súa vantaxe ata os 8 segundos, a diferenza pola que acabou gañando. Da súa media ducia de vitoria esta foi a primeira en contra, un triunfo de moito valor porque a segunda clasificada xeral, Samertolameu-Oversea, só puido ser terceira en Ferrol.
Se o dominio de Cabo resultou incontestable de principio a fin, os cambios sucedéronse na pugna polo segundo posto. Mecos e Samertolameu-Oversea viraron cun rexistro 3” mellor que o de Tirán-Pereira na primeira ceaboga. Meira situouse segunda en solitario á conclusión do segundo no parcial, posición que mantivo no terceiro. Todo cambiou no cuarto longo. Tirán-Pereira pasou a ser segunda, 1” mellor que Mecos e con dous de marxe sobre Samertolameu-Oversea. Os do Grove non aguantaron o ritmo no penúltimo parcial e no desenlace do duelo entre veciñas, A Mar do Con bateu por 5” á Terca.
A Cabana Ferrol, sexta
A quinta praza na contra o reloxo acadouna Bueu-Simei, gañadora da quenda intermedia compartindo serie con Mugardos e Narón. Ningún dos dous equipos de Ferrolterra puido cos rexistros da outra representante desta comarca. A Cabana-Ferrol, vencedora da quenda inicial, asinou como local o seu mellor resultado da temporada. Fixo sexta, sendo 16” mellor que Mugardo e batendo por 29” a Narón.
Cesantes-Rodavigo, novena, marcou o mesmo tempo que Narón na segunda ceaboga. A partir de aí, os naroneses despegáronse pouco a pouco dos rexistros dos redondeláns ata melloralo en 10”. Unha xornada máis, Castropol non puido evitar o décimo posto malia que na primeira referencia foi un segundo máis rápida que Narón.
A xeral da Liga A non varía en ningunha posición. A principal novidade é que A Cabana Ferrol empata a puntos con Narón no sétimo posto. Cabo amplía 8 puntos a diferenza como líder respecto a Samertolameu-Oversea. Este domingo pola mañá Cesantes será o escenario da oitava cita puntuable da temporada.
