Cabo firma a sétima en Cesantes, onde sempre pasan cousas
A cita máis madrugadora da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia celebrouse este domingo en Cesantes. Ás 10:00 horas soltou estacha a XLI Bandeira Concello de Redondela, oitava xornada da Liga A. A líder Cabo da Cruz acadou o seu sétimo triunfo consecutivo nun escenario, onde como é habitual, houbo sorpresas e moita emoción.
Nesta regata a seis longos, en todas as quendas vivíronse mans a mans que non se decidiron ata os últimos metros. A primeira serie dominouna con claridade A Cabana Ferrol mentres por detrás Cesantes-Rodavigo e Castropol foron practicamente á par de principio a fin. Por primeira vez esta campaña, o conxunto asturiano conseguiu eludir a décima posición. Por 1 segundo de diferenza bateu á embarcación anfitrioa nun vibrante desenlace.
O tempo de A Cabana Ferrol mellorárono as tres tripulacións da quenda intermedia, aínda que ao remate do primeiro longo, diante da Illa de San Simón, só o rebaixou Bueu-Simei. A Maruxía destacouse ante Mugardos e Narón, que ofreceron unha pugna chea de alternativas. A Punta Caleira meteulle 4” á Bestarruza na primeira ceaboga e ata o ecuador da regata mantívose por diante. Foi no cuarto parcial cando Mugardos adiantou aos seus veciños e acadou 3” de renda, distancia coa que cruzou as boias de chegada. Narón, que entrou terceira, bateu por 8” a marca de A Cabana Ferrol, coa que dende onte estaba igualada a puntos na xeral.
Tirán, a 1 punto de Meira
O sensacional rendemento de Bueu-Simei ratificouno o acontecido nunha espectacular quenda de honra. Na primeira ceaboga ningunha das catro traiñeiras puido coa referencia da Maruxía. Cabo da Cruz, a primeira en virar, fíxoo a 3” do tempo da gañadora na serie intermedia. A 1” da líder marchaban Tirán-Pereira e Mecos, ambas igualadas coa marca de Narón, e a 2”, Samertolameu-Oversea.
O bote de Boiro xa marcou o mellor rexistro da mañá no segundo longo e ampliou a vantaxe a 4” respecto aos seus perseguidores, que viraron os tres á par e tamén empatados co tempo de Bueu-Simei. Nese duelo pola segunda posición, con ata catro implicados, Tirán-Pereira abriu un oco de 5” no terceiro parcial en relación a Samertolameu-Oversea e Mecos, pero na ceaboga quedouse a 1” de igualar o de Bueu-Simei.
A Mar do Con ía a máis e confirmouno no cuarto parcial. Non só mellorou o tempo de Bueu-Simei, senón que o fixo por 9”, mesma diferenza que estableceu coa Terca e coa Mequiña. Incluso recortou 1” a Cabo da Cruz, virando a 3” da líder, que non se deixou sorprender nos dous últimos parciais. Os boirenses asinaron o seu sétimo triunfo consecutivo, vencendo cunha marxe de 5”, e deron un gran paso cara o título.
Tirán-Pereira, segunda ao igual que onte en Ferrol, levouse outra alegría vendo como se resolveu o esprint pola terceira posición. Mecos impúxose a Samertolameu-Oversea por 44 centésimas e agora os dous equipos de Moaña están separados por un único punto na loita pola segunda praza na xeral. O resultado para Meira estivo a piques de ser aínda máis negativa porque o tempo de Bueu-Simei rebaixouno unicamente por 12 centésimas. Tremendo o vivido na batalla polo terceiro posto en Cesantes: tres equipos en menos de 1 segundo.
A falta de tres xornadas na Liga A para completar o calendario, Cabo goza de 11 puntos de colchón na xeral sobre Samertolameu-Oversea e de 12 en relación a Tirán-Pereira. A loita entre as dúas traiñeiras de Moaña por obter o segundo billete para o play-off de ascenso está máis aberta que nunca, o que engade aínda máis atractivo á vindeira xornada. As emocións fortes están garantidas o próximo domingo no campo de regatas de Tirán.
