A Liga Galega de Traiñeiras comeza en Narón coa vitoria de Samertolameu Oversea
Cabo regresa á Liga Galega cunha segunda posición
Gran regata de Mecos, que completa o podio
Narón pecha nunha tranquila oitava posición
A Liga Galega de Traiñeiras 2026 botou a andar este sábado coa disputa da VIII Bandeira Cidade de Narón, primeira cita da tempada para a Liga A. A enseada da Gándara acolleu o regreso da competición nunha xornada marcada polo ceo despexado, o mar en calma e o escaso vento, condicións ideais para a práctica do remo. O bo tempo tamén favoreceu unha notable presenza de afeccionados nas inmediacións do campo de regatas, que non quixeron perder o inicio dun novo curso ligueiro.
O sorteo marcou a composición da primeira quenda, formada por Castropol, Samertolameu Oversea e Mugardos. Unha manga que estivo dominada desde os primeiros metros por unha das grandes favoritas ao título, Samertolameu Oversea. A traiñeira de Meira impuxo un forte ritmo desde a saída, mentres Mugardos conseguiu manter a distancia nas dúas primeiras viradas, aínda que sen chegar a poñer en dificultades aos da Terca. Pola súa banda, Castropol pechaba todos os pasos por boia con tempos moi afastados dos seus rivais.
Os de Meira foron ampliando a súa vantaxe en cada xiro ata pechar a quenda na primeira posición. Mugardos resistiu nas dúas primeiras viradas a apenas 11 segundos, pero acabou cedendo no tramo final para cruzar a meta 29 segundos por detrás. A nota negativa da manga deixouna Castropol que, tras varios cambios na súa tripulación, amosou un nivel afastado do exhibido nas últimas tempadas na Liga Galega. A embarcación da ría do Eo rematou a 54 segundos de Mugardos, nun debut moi discreto.
O azar situou a Cesantes - Rodavigo, Narón e Cabo da Cruz na saída da segunda quenda. A embarcación barbanzá regresaba á Liga Galega trece anos despois e, como unha das favoritas ao título, cumpriu cos prognósticos dominando a manga de principio a fin. Na primeira virada, os de Cabo melloraron en dous segundos o rexistro de Samertolameu Oversea, aínda que nas dúas seguintes perderon un segundo respecto aos de Meira. No último longo non puideron recuperar a desvantaxe e cruzaron a meta cun tempo tres segundos peor que o da traiñeira meirense.
Por detrás, a situación foi semellante á da primeira quenda. Narón mantívose en segunda posición durante toda a manga, sempre por detrás de Cabo e por diante de Cesantes - Rodavigo. Os anfitrións igualaron na primeira virada o tempo de Mugardos, pero no segundo paso por boia xa cedían 17 segundos. Aínda que na terceira virada recortaron a diferenza ata os 8 segundos, no último longo volveron perder tempo e remataron finalmente 19 segundos por detrás de Mugardos. Pola súa banda, Cesantes - Rodavigo foi terceira na quenda, aínda que cun rexistro claramente superior ao marcado por Castropol na manga inaugural.
A competición pechouse coa terceira quenda, formada por Bueu Simei, Mecos, A Cabana de Ferrol —recentemente ascendida— e Tirán Pereira. A diferenza das anteriores mangas, esta estivo marcada por unha maior igualdade entre as embarcacións. Mecos tomou o mando desde a saída e chegou á primeira virada con 4 segundos de vantaxe sobre Bueu Simei, 5 sobre Tirán Pereira e 10 sobre A Cabana de Ferrol. O rexistro dos da Mequiña igualaba o de Samertolameu Oversea e quedaba apenas dous segundos por detrás do marcado por Cabo da Cruz. O resto das embarcacións da quenda melloraban os tempos dos seus rivais das mangas anteriores, agás Mugardos, que continuaba ocupando provisionalmente a cuarta posición.
Na segunda virada, Mecos mantíñase á fronte da quenda, aínda que o seu tempo era cinco segundos peor que o de Samertolameu Oversea e catro inferior ao de Cabo da Cruz, unha diferenza que se repetiu tamén no terceiro paso por boia. Por detrás, Tirán Pereira viraba a 8 segundos dos do Grove, mentres Bueu Simei cedía cinco segundos respecto aos de Moaña. Na última virada esa distancia mantívose practicamente intacta, aínda que os de Bueu ampliaban a súa desvantaxe ata os 8 segundos. Tanto Tirán como Bueu seguían mellorando os rexistros do resto das embarcacións das dúas primeiras quendas. Pola súa banda, A Cabana de Ferrol pechaba todos os pasos por boia, aínda que con tempos superiores aos de Cesantes - Rodavigo e Castropol.
No último longo, Mecos non puido manter o ritmo imposto por Samertolameu Oversea e Cabo da Cruz e mesmo viu como Tirán Pereira se achegaba perigosamente, aínda que os da Mequiña lograron conservar a primeira posición da manga. O seu tempo confirmou que a primeira vitoria da tempada era para Samertolameu Oversea, mentres Mecos completaba o podio da bandeira. Cabo da Cruz, no seu regreso á Liga Galega, estreouse cunha notable segunda posición. Pola súa banda, Bueu Simei rematou terceiro da quenda, aínda que cun rexistro inferior ao de Mugardos, e A Cabana de Ferrol, pese a pechar a súa manga, conseguiu superar na clasificación final a Cesantes - Rodavigo e Castropol.
