Portada ›› Piragüismo ›› Competición ›› Cabo da Cruz continúa intratable no Grove

Cabo da Cruz continúa intratable no Grove

Cabo da Cruz continúa intratable no Grove

Mecos remonta para quedar cuarto
Narón consegue unha gran sexta posición

A Liga Galega de Traiñeiras A celebrou este sábado a súa quinta xornada coa disputa da XV Bandeira Virxe do Carme, organizada polo Club de Remo Mecos no Grove. A regata desenvolveuse nunha xornada moi soleada, con mar practicamente en calma e unha notable presenza de afeccionados, concentrados no porto de Pedras Negras para seguir o desenvolvemento da competición.

A primeira quenda estivo formada por Mugardos, A Cabana de Ferrol, Castropol, Cesantes-Rodavigo e Narón. A igualdade foi máxima nos primeiros metros, ata o punto de que A Cabana de Ferrol, Cesantes-Rodavigo e Narón chegaron practicamente empatadas á primeira virada. Mugardos seguía moi de preto o seu ritmo, a apenas un segundo, mentres Castropol cedía xa dez segundos.

Na segunda virada mantívose a loita pola cabeza entre Narón e A Cabana de Ferrol, con Mugardos apenas un segundo por detrás. Pola contra, Cesantes-Rodavigo comezaba a perder contacto coas embarcacións de cabeza e Castropol quedaba definitivamente descolgado da pelexa pola manga.

Foi na terceira virada cando a quenda quedou practicamente decidida. Narón rompeu definitivamente a igualdade para pasar en solitario á fronte da regata, abrindo unha pequena vantaxe sobre A Cabana de Ferrol, mentres Mugardos tamén perdía algúns segundos respecto aos líderes. Máis atrás navegaban xa Cesantes-Rodavigo e Castropol, sen opcións de disputar as primeiras posicións.

No último longo, Narón confirmou a vitoria da quenda por diante de A Cabana de Ferrol. Mugardos asegurou a terceira posición, mentres Cesantes-Rodavigo e Castropol completaron a clasificación da manga.

Na segunda quenda tomaron a saída Cabo da Cruz, Tirán Pereira, Bueu Simei, Mecos e Samertolameu Oversea. A igualdade marcou os primeiros metros da manga. Cabo da Cruz chegou en primeira posición á primeira virada, mentres Samertolameu Oversea e Tirán Pereira viraban practamente á vez, a escasa distancia do líder. Uns segundos máis atrás facíano tamén moi igualados Bueu Simei e Mecos.

Na segunda virada, Cabo da Cruz consolidaba o liderado da manga. Tirán Pereira quedaba xa en segunda posición en solitario, seguido de Samertolameu Oversea. Por detrás, Bueu Simei mantíñase cuarto, con Mecos pechando provisionalmente a clasificación da quenda.

Na terceira virada apenas houbo cambios na cabeza. Cabo da Cruz continuaba á fronte, con Tirán Pereira mantendo a segunda posición, mentres Samertolameu Oversea empezaba a perder contacto cos dous primeiros. Máis atrás, Mecos lograba superar por un segundo a Bueu Simei, colocándose na cuarta posición.

No último longo, Cabo da Cruz confirmou a vitoria da quenda e da bandeira, por diante de Tirán Pereira e Samertolameu Oversea. Mecos consolidou a cuarta praza, mentres Bueu Simei rematou quinto, aínda que o seu rexistro foi suficiente para superar por apenas 50 centésimas o tempo marcado por Narón na primeira quenda.