Portada ›› Piragüismo ›› Competición ›› Puebla sorprende en Ribeira

Puebla sorprende en Ribeira

Puebla sorprende en Ribeira

Catro xornadas da Liga B e tres gañadores distintos de bandeiras. A traiñeira de Puebla deu a sorpresa este domingo no campo de regatas de Aguiño e sumou o seu primeiro triunfo da temporada. Rianxo, segunda clasificada na III Bandeira Concello de Ribeira, conserva a camisola Xunta de Galicia de líder.

A única cita da fin de semana na Liga B abriuse coa presenza do equipo local xunto ás filiais de Chapela Wofco e Bueu Simei na quenda inicial. O primeiros dos seis longos completouno Bueu Simei B cunha vantaxe de 3 segundos sobre Ribeira e de 7” respecto a Chapela Wofco B. Os anfitrións puxéronse á altura da traiñeira que encabezaba a regata no segundo parcial e a partir de aí comandaron a proba ata o final para acabar impoñéndose por unha ampla marxe de 31” a Bueu Simei B.

As catro primeiras da xeral compareceron na segunda e definitiva serie, unha quenda de honra que arrancou coa líder Rianxo á par de Puebla na primeira ceaboga. Salgado Perillo virou a 3” e Cabo da Cruz B fíxoo a 6”. Despois das malas sensacións que lles deixara a anterior fin de semana, os remeiros da Carmela resarcíronse en Ribeira. No segundo longo abriron un oco de 6” en relación a Rianxo que resultou definitivo. O máximo que se achegou a Virxe da Guadalupe á traiñeira da Pobra do Caramiñal foi a 4” na terceira virada.

Rianxo, máis líder

Puebla abriu a súa conta de vitorias esta campaña cun triunfo por 6” de diferenza. Rianxo, segunda, aumentou a súa vantaxe á fronte da xeral porque a súa inmediata perseguidora, Salgado-Perillo, só puido ser quinta. Á embarcación de Oleiros adiantouna Cabo da Cruz B no cuarto longo e no derradeiro parcial cedeu outra praza porque non puido manter o segundo de vantaxe que contaba respecto á referencia de Ribeira. Deste xeito, os locais non só gañaron a súa quenda, senón que asinaron o seu mellor resultado no que vai de curso.

Cos puntos repartidos en Aguiño, a xeral da Liga B segue comandada por Rianxo. A líder ten 26 puntos e o seu colchón aumenta de 2 a 5 puntos sobre Salgado-Perillo, a quen se achega Puebla, a 6 puntos do primeiro posto. Cabo da Cruz apuntala a súa cuarta posición con 16 puntos, Chapela Wofco B é quinta con 11, os mesmos que Ribeira, e con 7 queda Bueu Simei B, pechando unha xornada máis a clasificación.

A quinta regata da Liga B terá como escenario Oleiros o vindeiro sábado.

Salgado Perillo mantén o pleno no Grove

Amegrove logra o seu mellor resultado da tempada como anfitrioa
Tirán Pereira supera a Chapela Wofco na loita pola terceira praza

A Liga Galega de Traiñeiras Feminina celebrou este sábado unha nova xornada da competición coa disputa da bandeira organizada por Amegrove en Porto Meloxo, no Grove. A regata desenvolveuse nunha xornada anubrada pero calorosa, con mar en calma e un bo ambiente de afeccionados concentrados no peirao para seguir a competición.

A primeira quenda estivo formada por Cabo da Cruz, Castropol, Rianxo e Esteirana. Cabo da Cruz marcou o mellor ritmo desde os primeiros metros e chegou en primeira posición á primeira virada, seguido de preto por Rianxo. Uns segundos máis atrás pasaban Esteirana e Castropol.

Na segunda virada, Cabo da Cruz consolidaba o liderado, aínda que Rianxo continuaba moi preto. Máis atrás, Esteirana e Castropol navegaban emparelladas.

Foi na terceira virada cando Cabo da Cruz rompeu definitivamente a regata. Castropol protagonizou a remontada sobre Esteirana para situarse terceira.

No último longo, Cabo da Cruz venceu por diante de Rianxo, Castropol e Esteirana.

Na segunda quenda tomaron a saída Salgado Perillo, Chapela Wofco, Tirán Pereira e Amegrove. Salgado Perillo liderou a primeira virada con Amegrove moi preto.

Na segunda virada, Amegrove colocouse en cabeza, mentres Tirán Pereira abría unha pequena diferenza sobre Chapela Wofco.

Na última virada, Salgado Perillo recuperou o liderado e Tirán Pereira e Chapela Wofco chegaban practicamente igualadas.

No longo definitivo, Salgado Perillo certificou a súa cuarta vitoria consecutiva. Amegrove logrou o seu mellor resultado da tempada co segundo posto. Tirán Pereira impúxose a Chapela Wofco na loita pola terceira praza, e ambas melloraron o tempo de Cabo da Cruz na primeira quenda.