VII Campionato de Pesca “Terra de Melide”
VII Campionato de Pesca “Terra de Melide” que terá lugar o sábado, 14 de abril.
Os interesados en participar teñen ata o 8 de abril para inscribírense e tres modos de facelo: chamando ao teléfono 696607348, a través da páxina da Asociación: www.riofurelos.es ou enviando un correo electrónico a asociaciontroiteiros@gmail.com Unha vez obren en poder da Asociación todas as solicitudes levarase a cabo un sorteo público o mércores día 11, ás 13,30 no bar Godiva. Como en edicións anteriores, o gañador do campionato do ano anterior compite sen ter que entrar no sorteo.
Dado que o treito de río é limitado, por forza tamén teñen que ser limitadas as prazas dos participantes, que contarán con cadanseu tramo de río duns 700 m. aproximadamente, sorteados antes de comezaren a competición.
Aos que resultaren agraciados comunicaráselle para que se presenten o día 14, acompañados dun xuíz, ás 7h da mañá na churraría O Burato, para aclararen todas as dúbidas mentres se almorza e dirixírense a continuación aos tramos que lles tocaren en sorteo.
A competición comezará ás 8,30 e darase por finalizada ás 13 horas, momento no que o xurado comprobará o número de capturas de cada participante e a súa medida, a fin de proclamar os gañadores. Concederanse tres premios atendendo ao número de capturas e un máis para quen obteña a captura de maiores dimensións.
Como remate da xornada, na cervexería Orois terá lugar un xantar ao que poderán asistir, á vontade, socios e participantes, cunha achega de 15€ por persoa. No transcurso do xantar farase entrega dos premios aos gañadores e de diverso material de pesca a todos os participantes por valor de 2.500 €, aproximadamente.
Para a directiva a consolidación do campionato de pesca “Terra de Melide” xa é un feito, en parte grazas a todas aquelas empresas que se prestan a colaborar (neste ano xa nos achegamos a cifra de 30) aos particulares e as institucións como á Consellería de Medio Ambiente, á Deputación da Coruña e ao Concello de Melide. A todos eles, en nome da directiva, o presidente da Asociación quere facer público o seu agradecemento.