A Asociación de Troiteiros "Río Furelos" participou o pasado día 14, en Melide no IV encontro do Voluntariado do Proxecto Ríos
A Asociación de Troiteiros "Río Furelos" vén de participar o pasado sábado, día 14, en melide no IV encontro do Voluntariado do Proxecto Ríos organizado por ADEGA coa colaboaración do Concello de Melide e outras institucións.
Ás dez da mañá tivo lugar a recepción dos distintos colectivos e a continuación a inaguración oficial levada a cabo pola alcaldesa, Socorro Cea Vázquez, e Virginia Rodríguez, coordinadora do Proxecto Ríos. Comenzou a xornada coa exposición do relatorio marco de Silvia Gili, representante da delegación catalá, sobre a adopción dos ecosistemas fluviais. A continuación os distintos colectivos expuseron, utilizando medios audiovisuais, as diferentes actividades levadas a cabo para a protección e coidado dos ríos da súa contorna. Entre as intervencións que tiveron lugar despois do descanso, a nosa Asociación "Río Furelos", proxectou unha montaxe audiovuisual sobre o desastre do río Catasol e outra sobre as III Xornadas de Limpeza, que provocaron o interese dos participantes, aos que lles ofrecemos copias destes documentais e agasallámolos cun pin e un chaveiro da Asociación.
Así mesmo consideramos moi interesante un dos documentais presentados pola delegación de Vigo sobre o ciclo vital das lampreas, o que abriu un vivo debate e intercambio de información sobre a presenza destes animais, máis arriba do embalse de Portodemouros, detectada ultimamente e aínda non explicada. Rematou a mañá coa proxección do documental "Os mares doces de Galiza" finalizando arredor das tres da tarde, hora na que os participantes, máis de cincuenta, se trasladaron á Praia Fluvial do Río Furelos, para xantar, convidados pola organización destes IV Encontros do Voluntariado. Pola tarde, despois da visualización do documental: "Xares: o río que nos leva" de Pedro Prada, levouse a cabo un roteiro polo sobreiral do río Arnego, un dos poucos espazos fluviais custodiados de Galicia. Para nós, como delegación asistente en representación da Asociación de Troiteiros "Río Furelos", é de xustiza gabar a extraordinaria organización deste evento lavada a cabo por ADEGA que distribuíu obsequios a cada unha das delegacións participantes antes de rematar a xornada. Só nos queda por dicir que a proliferación de actividades deste tipo acabarán por crear a conciencia necesaria para que, verdadeiramente, Galicia sexa o país dos mil ríos.