Portada ›› Remo ›› Samertolameu prolonga a súa xeira triunfal na contra o reloxo de Cesantes

Samertolameu prolonga a súa xeira triunfal na contra o reloxo de Cesantes

Samertolameu prolonga a súa xeira triunfal na contra o reloxo de Cesantes

Mugardos faise cunha complicada regata en Cedeira

Sétima vitoria da temporada e cuarta consecutiva para a traiñeira que encabeza a clasificación xeral da Liga A-Trofeo Xunta de Galicia. Samertolameu Oversea adxudicouse este sábado a VI Bandeira CCD Cesantes – Concello de Redondela, cita coa que regresou a máxima categoría da Liga Galega de Traiñeiras tras a paréntese da pasada fin de semana pola disputa do Campionato de España. Aínda que non era o plan inicial, esta novena xornada celebrouse en formato de contra o reloxo.

Houbo tres quendas de saídas e as dúas embarcacións que se encargaron de pechar a última foron as que pugnaron pola vitoria ata o final na ría de Vigo. Bueu Teccarsa marcou o mellor rexistro no primeiro dos catro longos, sendo a única que rebaixou o parcial establecido por Rianxo na primeira manga. A 4 segundos da Maruxía virou Samertolameu, que na seguinte referencia xa tomou o mando da contra o reloxo.

Os remeiros de Meira situáronse 1” por diante de Bueu a metade da regata e xa non cederon a primeira posición. A Terca acabou vencendo por 7” e unha semana despois de proclamarse subcampioa de España amplía a 6 puntos a súa marxe na xeral respecto a Bueu.

A terceira posición nesta contra o reloxo ocupouna Mera, que na manga intermedia protagonizou un duelo pechado con Puebla. A Virxe do Carme resolveuno ao seu favor por 3”. A quinta praza correspondeu a Mecos e entre os do Grove e a filial de Cabo da Cruz, dous equipos que compareceron na quenda de honra, meteuse Rianxo. Vencedora con moita solvencia da serie inicial, a tripulación rianxeira asinou un sexto posto que na xeral da Liga A permítelle subir unha praza e colocarse oitava.

Vilaxoán, oitava, rebaixou en todas as viradas da segunda quenda os rexistros da anfitrioa Cesantes-Rodavigo. Os locais finalizaron novenos, por diante de tres equipos da manga inicial: Esteirana, que fixo décima, Muros e Salgado-Perillo, que non puido evitar o duodécimo posto.

Liga B

Ao igual que na Liga A, a Liga B tamén competiu en formato contra o reloxo. O temporal da mañá afectou á liña de boias de Cedeira e obrigou a disputar a regata por un só carreiro. Pero o mal tempo non fixo acto de presencia ao longo da tarde na V Bandeira Concello de Cedeira, e o que quedou foi unha xornada con mar picado e algo de tempo e permitiu deleitar aos afeccionados cunhas espectaculares empopadas.

A regata comezou con A Cabana de Ferrol, Puebla B, Castropol e Virxe da Guía na primeira quenda. A xornada tamén estivo marcada polas ausencias de Amegrove e Narón por mor da pandemia. As primeiras referencias situaban a Virxe da Guía por diante de Castropol con pouco marxe, e aos asturianos por diante de A Cabana e Puebla B que se movían en apenas un par de segundos. Pero a regata rompeuse no terceiro longo. Un problema nun remeiro da Cabana obrigaba á embarcación a deters. O remeiro foi atendido e a embarcación ferrolá rematou a regata sen baixar os brazos e con moito esforzo. O resultado final da quenda non variou con Virxe da Guía á cabeza por diante de Castropol e Puebla B.

A quenda seguinte resultou máis igualada. Na primeira referencia Mugardos lideraba por diante de Vila de Cangas, Cedeira, Samerolameu Overse B e Chapela. As cinco embarcacións en 14 segundos. A diferencia comezou a ampliarse na segunda virada, Mugardos lideraba cun tempo 10 segundos mellor que o de Cedeira que á súa vez mantiña unha importante batalla con Vila de Cangas e Samertolameu Oversea B. Chapela xa quedaba máis distanciada. No final, Mugardos fixo valer a súa vantaxe e a súa condición de líder e gañou con claridade a bandeira, a pesar dos intentos da embarcación local de Cedeira que insistiu ata o final empurrada polo seu público. Terceiro chegou Samertolameu Oversea B, que nun último longo recortou 12 segundos a Vila de Cangas para rematar nos posto de podio. Chapela chegaba en cuarta posición e finalizaba a bandeira no sétimo posto, por detrás de Virxe da Guía e Castropol. Resultado, que pon aos da Guía por diante de Chapela na clasificación xeral, arrebatándolle aos de Redondela a sétima posición.

Na cabeza Mugardos mantén o liderado por diante de Narón. Os da Gándara recibirán 10 puntos hoxe a pesar da súa ausencia, o que permite manter aberta a loita pola Liga B.