Portada ›› Remo ›› Samertolameu-Oversea gaña no Grove e mantense na loita pola Liga A

Samertolameu-Oversea gaña no Grove e mantense na loita pola Liga A

Samertolameu-Oversea gaña no Grove e mantense na loita pola Liga A

A Liga A do Trofeo Xunta de Galicia desprazouse na tarde do domingo ao Grove para disputar a XI Bandeira Virxe do Carme, novena xornada da temporada.

A orde da regata veu marcada polo resultado da bandeira do sábado en Chapela e non pola clasificación da primeira división masculina da Liga Galega de Traiñeiras, o que situou a Mera na primeira manga, a Narón na segunda e a Rianxo na terceira.

Tendo en conta esta norma, a primeira quenda estivo formada polos de Oleiros xunto con Puebla, Mugardos e Cesantes-Rodavigo. Partindo como favoritos, os de Mera non fallaron. Iso si, comezaron disputando a cabeza con Puebla chegando á par a primeira virada. Os do Barbanza o intentaron, pero remataron a 6” da Mariñeira. Unha diferencia similar á que mantiveron os da Carmela con Mugardos, que estivo terceira en todo momento a unha distancia que se moveu entre os 4 e 5”. Pechou a quenda, 13” por detrás, Cesantes-Rodavigo.

Na segunda manga, Chapela-Wofco e a filial de Cabo da Cruz, en plena loita polo cuarto posto da xeral víanse as caras, pero a batalla pola manga estivo entre os da Arealonga e os locais de Mecos. Chapela-Wofco liderou dende o principio, aínda que A Mequiña mantívose moi preto a unha distancia que variaba entre os 2 e os 3” ata o último longo. Momento no que Chapela-Wofco mostrou o seu potencial superando aos locais por 11”. Terceiro foi Cabo moi lonxe do seu rival máis directo, 24” por detrás da Arealonga. Pechou Narón, apurando ata o final para achegarse a Cabo e para superar aos rivais da primeira manga. Un premio que se lle escapou por centésimas, empeorando en menos dun segundo o tempo de Mera

Na terceira quenda partiron os tres primeiros clasificados da xeral xunto con Rianxo, que gañou por méritos propios partir nesta quenda trala gran regata da véspera en Chapela. A manga comezou moi igualada con Bueu-Teccarsa e Samertolameu-Oversea liderando, tan só 3” por diante de Tirán-Pereira. Rianxo afastábase a 11” pero superando aos rivais das quendas anteriores. Se xa a primeira foi igualada, a segunda sería aínda máis apertada, con Samertolameu-Oversea liderando a un escaso segundo de Bueu-Teccarsa e Tirán-Pereira. Rianxo chegaba 18” por detrás, agora peor que Chapela-Wofco e Mecos. A igualdade comezou a romperse na última virada, onde os da Terca colleron a dianteira deixando a 5” aos da Maruxía e a 9 aos seus veciños de Moaña. Rianxo chegaba a 44”, pero en tempos similares a Chapela-Wofco e Mecos. No último longo, Samertolameu-Oversea fixo valer a súa vantaxe e levouse a XI Bandeira Virxe do Carme, segunda da tempada para a Terca. Segundo foi Bueu-Teccarsa e terceiro Tirán-Pereira. Pechou a quenda Rianxo, empeorando o tempo de Chapela-Wofco, pero superando por centésimas o de Mecos.

O resultado final da regata aperta a zona alta e baixa da Liga A. A diferenza no alto da táboa é agora de 3 puntos entre Bueu-Teccarsa e Samertolameu-Oversea. Na parte baixa, Puebla marca a salvación 4 puntos por riba de Cesantes-Rodavigo e 5 de Mugardos, equipos que se atopan en postos de playoff. Na zona media, Chapela-Wofco afiánzase no cuarto posto superando a Cabo por 5 puntos, mentres que Rianxo empata a 58 puntos con Mera, sétimo e sexto respectivamente, ao conseguir dous cuartos postos os da Mariñeira durante a tempada. Mecos é oitava só un punto por detrás.