Portada ›› Remo ›› Mugardos recupera a camisola de líder da Liga B no Grove

Mugardos recupera a camisola de líder da Liga B no Grove

Mugardos recupera a camisola de líder da Liga B no Grove

Por segunda fin de semana consecutiva rexistrouse cambio de líder na categoría de prata da Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia. Mugardos venceu este domingo na XXXVII Bandeira Concello do Grove e desbancou do primeiro posto na xeral da Liga B a Narón. Os dous equipos da ría de Ferrol están empatados a puntos despois de sete xornadas.

A Bestarruza recuperou a súa mellor versión nos seis longos disputados no campo de regatas de Porto de Meloxo. Mugardos distanciouse en 2 segundos de Narón ao remate do primeiro parcial nunha quenda de honra na que Cedeira sempre ocupou a terceira posición. Amegrove, que debería ter remado nesta serie, non puido competir diante da súa afección por mor da COVID.

A vantaxe de Mugardos non deixou de ir a máis ata impoñerse por 11 segundos e 93 centésimas. Un triunfo contundente, o cuarto desta temporada. Narón, que na anterior xornada recuperara a camisola amarela en Ferrol, entrou segunda e cedeu o mando na xeral.

O rexistro que Cedeira estableceu na quenda de honra foise 2 segundos por riba do de Samertolameu Oversea B, gañadora da manga intermedia. A filial de Meira clasificouse terceira, o seu mellor resultado da temporada, despois dun man a man con Vila de Cangas. Houbo que agardar ata o quinto parcial para que este derbi do Morrazo se rachara por completo, coa embarcación de Moaña superando finalmente por 12” na liña de meta aos seus veciños de comarca.

Nesta serie intermedia, na que por segunda fin de semana seguida causou baixa Chapela debido a que a súa tripulación se atopa confinada, Virxe da Guía concluíu terceira, batendo por 3 segundos a marca que establecera Puebla B, vencedora da primeira quenda. Os da Pobra do Caramiñal sempre remaron en cabeza, mentres a súa popa A Cabana – Ferrol protagonizou unha espectacular remonta. O conxunto da cidade departamental perdía 6” respecto a Castropol a metade da regata e acabou superando aos asturianos nun desenlace ao esprint.