Portada ›› Remo ›› Chapela deixa sen alirón a Cabo en Ribeira

Chapela deixa sen alirón a Cabo en Ribeira

Chapela deixa sen alirón a Cabo en Ribeira

A Liga Feminina do Trofeo Xunta de Galicia non coñecerá á embarcación campioa da temporada 2021 ata a última regata. Cabo da Cruz tiña este domingo a súa primeira oportunidade de selar o título na I Bandeira Feminina Heroínas de Sálvora, pero Chapela non só impediu o ‘alirón’ das de Boiro, se non que conseguiu no campo de regatas de Aguiño a súa segunda vitoria desta campaña. As outras dúas triunfadoras na novena e penúltima xornada foron Salgado-Perillo e a anfitrioa Riveira.

As contas de Cabo para deixar sentenciada a Liga Feminina pasaban por conseguir en Ribeira dous puntos máis que Chapela, unha posibilidade que non tardou en empezar a esfumarse. A quenda de honra comezou moi igualada e os dous equipos que encabezan a xeral e Salgado-Perillo marcaron o mesmo rexistro ao remate do primeiro dos seis longos. Porén, foi no segundo parcial cando o conxunto de Boiro se descolgou da loita polo triunfo. Cedeu 9 segundos respecto á Arealonga, que viraba 1” por diante das de Oleiros.

O duelo entre Chapela e Salgado-Perillo rachouse no terceiro parcial. As de Redondela lograron unha diferenza de 6” e non deixaron de incrementar esa renda na segunda metade da regata, cruzando as boias de meta 14” antes que a embarcación de Oleiros. Cabo non tivo opcións de mellorar o terceiro posto e finalizou a 54” das gañadoras.

A cuarta praza durante toda a quenda de honra ocupouna Tirán-Pereira, que no último longo tivo que recuperar 8” de desvantaxe en relación a Riveira para non concluír na clasificación deste xornada por debaixo do equipo local. As anfitrioas impuxéranse con contundencia na serie inicial. Malia que Rianxo ía 1” por diante na primeira virada, a tripulación que competía na casa fixo valer o ‘factor campo’.

Riveira tomou o mando no segundo longo e no seguinte parcial soltou a Rianxo. Entre as dúas embarcación da comarca do Barbanza houbo 27” de diferenza na meta. As posicións que non variaron dende a primeira referencia foron as de Mugardos e Puebla, coas remeiras de ría de Ferrol marchando sempre por diante das da Pobra do Caramiñal.

A falta dunha xornada para a conclusión da Liga Feminina, que se celebrará o vindeiro sábado na apertura do Teresa Herrera, a clasificación xeral está liderada por Cabo con 4 puntos máis que Chapela. Entre as de Boiro e as de Redondela vanse xogar a camisola amarela definitiva. A outra incógnita que se despexará na Coruña será a da terceira praza. Salgado-Perillo recuperouna este domingo e supera por 1 punto a Tirán-Pereira.