Portada ›› Remo ›› Castropol prolonga na Bandeira Salgado Congelados a súa condición de invicta

Castropol prolonga na Bandeira Salgado Congelados a súa condición de invicta

Castropol prolonga na Bandeira Salgado Congelados a súa condición de invicta

A Liga B do Trofeo Xunta de Galicia-Liga Galega de Traiñeiras recuperou este sábado unha xornada adiada hai tres semanas por mor do vento. Esta vez cunhas condicións máis benévolas e nun campo de regatas distinto, cambiando o de Santa Cruz polo de Santa Cristina, disputouse a XI Bandeira Salgado Congelados. En Oleiros a líder Castropol prolongou a súa condición de invicta, pero non o tivo nada doado ante Samertolameu-Oversea B.

A terceira cita da temporada que repartiu puntos para a clasificación xeral da Liga arrancou cunha ausencia. Muros non estivo na praia de Santa Cristina, o que provocou que Amegrove tivera que competir na primeira quenda. Os remeiros da Pabliño dominaron de principio a fin a serie inicial. O primeiro dos 4 longos completárono con 12 segundos de vantaxe sobre Vila de Cangas e cunha renda de 31” en relación a Salgado-Perillo. Os do Morrazo chegaron a situarse a 10” na segunda virada e a reacción de Amegrove foi inmediata rachando por completo a regata no terceiro parcial.

Tampouco variaron as posicións dende o principio na quenda de honra. Castropol chegaba con dúas vitorias noutras tantas regatas da Liga B e para lograr a terceira tivo que empregarse a fondo. A Ría del Eo, moi superior nas dúas primeiras xornadas, atopouse coa mellor versión no que vai de temporada de Samertolameu-Oversea B. A filial de Meira cedeu 5” no primeiro longo e a diferenza ampliouse a 8” na segunda virada. Finalmente, ambos equipos cruzaron as boias de meta separados por 16”.

Pola súa banda, Cedeira non conseguiu en ningún parcial mellorar os rexistros de Amegrove e no segundo mesmo virou cunha marca 6” peor que a de Vila de Cangas. Os da Candieira conseguiron na segunda parte da regata recuperar a cuarta posición e na xeral quedan igualados a puntos na terceira praza cos grovenses, que remarán como locais o vindeiro sábado na cuarta xornada da Liga B.