A XUNTA APOIA A LIGA galega de traIñeiras con CASE UNHA TRINTENA DE equipos nas súas tres categorías

- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou no acto de presentación da competición na Pobra do Caramiñal, onde puxo en valor a capacidade de resiliencia do Club Remo Puebla tras o incendio do pasado xaneiro
- Destacou a tradición e singularidade deste deporte e o apoio do Goberno galego ao remo galego
- A competición arrincará o 28 de xuño e prolongarase ata finais de agosto
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 21 de xuño de 2025.- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación da Liga Galega de Traiñeiras, que arrincará o próximo 28 de xuño e se prolongará ata finais de agosto cun total de 26 equipos.
No acto, agradeceu o traballo da Asociación Liga Noroeste por organizar un ano máis a competición por excelencia do banco fixo en Galicia nas súas tres categorías: Liga A, Liga B e Liga feminina.
O acto celebrouse na Pobra do Caramiñal, onde ten sede o Club Remo Puebla, afectada por un incendio o pasado xaneiro. Diego Calvo puxo en valor “a resiliencia, superación e esforzo” do club por superar esta situación e poder organizar o mes pasado o Campionato de España de Traineirillas.
Cómpre lembrar que a Xunta concedeu unha axuda extraordinaria de 60.000 euros tras o incendio para adquirir material seguir co fomento da práctica do deporte do remo, así como a súa participación nas diferentes competicións. Ademais, o Goberno galego autorizou o uso da nova sede do club no porto da Pobra do Caramiñal cunha bonificación do 90% das taxas. Este club, fundado en 1979, é un dos importantes de Galicia, nomeadamente, no banco fixo, e na tempada 2021 competiu con tres embarcacións en todas as categorías da Liga Galega de Traiñeiras: A, B e feminina. O club conta con preto de 150 licenzas federativas, sendo o 61% das mesmas de base.
Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia destacou que as traiñeiras é “un dos deportes con maior tradición e vínculo coa historia de Galicia”, xa que empregábanse para a pesca e “hoxe seguimos desfrutando da súa presenza a través das competicións”. Por iso, a Xunta recoñece a “singularidade” deste deporte e destina este ano 143.000 euros en apoio á Liga Galega de Traiñeiras. Aínda que esta modalidade non é olímpica, o remo galego tivo presenza nos pasados Xogos Olímpicos en París na categoría de banco móbil cos remeiros galegos Rodrigo Conde e Caetano Horta, que acadaron diplomas olímpicos.
Competición ata finais de agosto
O próximo 28 de xuño arrincará a competición coa XI Bandeira Concello de Redondela da Liga A, a III Bandeira Chapela-Wofco da Liga B e a X Bandeira Feminina Concello de Redondela.
A Liga A está conformada por 11 equipos: SD Tirán-Pereira, SD Samertolameu, CM Bueu-Simei, CR Cabo de Cruz, CR Mecos, CCD Cesantes, CR Narón, CM Mugardos e CR Chapela-Wofco, CM Castropol e CR Urme. Por outra banda, na Liga B competirán un total de cinco equipos como o CR Salgado-Perillo, CR A Cabana-Ferrol, CR Puebla, CR Chapela-Wofco B e CM Bueu-Simei B.
Cómpre salientar os 10 equipos femininos que competirán na LGT, isto é, CR Cabo da Cruz, SD Tirán Pereira, CR Chapela-Wofco, CR Salgado-Perillo, CR Rianxo, CR A Cabana-Ferrol, CM Castropol, , Cesantes-Bueu-Cefycal-Simei, CR Mecos e Amegrove CR.