Portada ›› Piragüismo ›› Más-Piragua ›› O campo de regatas David Cal, en Verducido, confirma a súa posición de referente nacional e internacional cunha visita do Goberno Balear

O campo de regatas David Cal, en Verducido, confirma a súa posición de referente nacional e internacional cunha visita do Goberno Balear

O campo de regatas David Cal, en Verducido, confirma a súa posición de referente nacional e internacional cunha visita do Goberno Balear

O embalse de Pontillón de Castro está a acoller os programas de alto rendemento do caiac feminino e de canoa masculina e feminina da Real Federación Española de Piragüismo

Pontevedra, 4 de xaneiro de 2022.- O Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal, en Verducido, recibiu a visita dunha delegación do goberno mallorquino e balear encabezada pola directora insular de Deportes del Consell de Mallorca, Margarida Portells e na que tamén participaron representantes do Consell de Mallorca, Fundació Mallorca Turisme, do Ajuntament de Alcúdia e a Federación Balear de Piragüismo que foron recibidos polo director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Suso López e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.

O obxectivo da visita foi achegarse ao modelo de deporte de alto nivel que se traballa en Galicia e máis nomeadamente, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que ten en Verducido, un dos seus satélites, como centro de tecnificación de piragüismo. Deste xeito, os representantes do goberno mallorquino e balear importarán algunhas das características do modelo galego que ten dado tantos resultados nos últimos anos como demostra que 12 das 19 medallas olímpicas españolas en piragüismo sexan galegas.

Cómpre lembrar que ademais desta visita que referenda o interese e a importancia que ten Verducido tanto no contexto nacional como internacional, o embalse de Pontillón de Castro está a acoller os programas de alto rendemento do caiac feminino e de canoa masculina e feminina da Real Federación Española de Piragüismo.

No ano 2007 Verducido acolleu o Campionato de Europa de Velocidade con motivo da súa inauguración. Dende aquel momento, todos os anos se celebran no embalse campionatos de España de velocidade, dende categorías promesa ata sénior. Desde 2015 a Secretaría Xeral para o Deporte asina un convenio de colaboración coa Federación Galega de Piragüismo polo que se lle outorga a concesión do complexo náutico e campo de regatas David Cal en Verducido, Pontillón do Castro. En 2017 asinouse por un período de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de cinco anos, ata un máximo de 75 anos. A día de hoxe, o convenio coa FEGAPI para o mantemento e conservación do complexo acada os 115.000 euros.