Samertolameu Oversea golpea dobre gañando en Bueu
Narón arrebata o liderado da Liga B a Mugardos en Ferrol
O porto de Bueu acolleu a celebración da sétima xornada da Liga Galega de Traiñeiras A – Trofeo Xunta de Galicia coa disputa da XXVI Bandeira Concello de Bueu. A regata, de novo estivo marcada polas ausencias. Esta ocasión dos remeiros de Salgado Perillo por motivos da pandemia. A parte positiva foi o regreso de Cesantes Rodavigo.
Na primeira quenda partiron Rianxo, Muros e Esteirana. Sendo esta última a que colleu o liderado dende a primeira referencia, con Rianxo a 2 segundos e Muros a 8. Unhas posicións que non cambiaron ata o final. Rianxo intentouno pero Esteirana mantivo a posición. Muros pechou a quenda.
Na segunda manga, Mera e Puebla comezaron á par por diante de Cesantes Rodavigo e Vilaxoán. Pero a partir da segunda referencia, A Mequiña colleu a dianteira e pouco a pouco foi aumentando a vantaxe con Puebla para certificar a posición. Por detrás, Vilaxoán remountou a un Cesantes Rodavigo que notou os 10 días de corentena sen remar. O tempo de Vilaxoán mellorou o de Esteirana por unhas décimas e o de Cesantes foi peor que o de Rianxo.
Na quenda de honra a serie tamén comezou partida. Bueu Teccarsa e Samertolameu Oversea lideraban 5 segundos por diante de Mecos e Cabo. O tempo de estas últimas era peor ao que fixeran Mera e Puebla na anterior manga. Na segunda referencia Samertolameu Oversea colleu a dianteira con respecto a Bueu Teccarsa e Mecos fixo o mesmo superando a Cabo. Os postos xa non variaron. Meira gañou na casa do seu máximo rival a pesar do intento final da Maruxía. Vitoria que psicoloxicamente pode ser dobre. Mecos superaba a Cabo e melloraba os tempos dos rivais das quendas anteriores. Pero Cabo non superou a Mera, un posto clave que fai bailar a clasificación situando aos de Mera como cuartos da liga nos postos de honra.
Hai que destacar o gran ambiente no Porto de Bueu con numerosos afeccionados. Os organizadores prepararon a zona do público para cumprir coas normas impostas por Sanidade para a celebración do Trofeo Xunta de Galicia.
Liga B
A regata máis intensa dunha temporada que está sendo apaixonante na Liga B viviuse este sábado na XVII Bandeira Cidade de Ferrol de Traiñeiras – III Memorial ‘Miguel Derungs Criado’, sexta xornada da categoría de prata. Narón conseguiu a vitoria e non só asaltou o liderado, senón que agora comanda a xeral en solitario aproveitando que Cedeira rematou por diante de Mugardos, que defendía a camisola amarela.
A igualdade foi máxima nos seis longos entre os tres equipos de Ferrolterra que remaron na quenda de honra. Narón, Mugardos e Cedeira executaban ao unísono a segunda virada. Foi no terceiro parcial cando a traiñeira naronesa volveu situarse en cabeza, cunha mínima renda de 2 segundos, e a comezo do último sector esa diferenza era de 3” sobre a Bestarruza e de 5” respecto á Candieira.
A incertidume mantívose ata atravesar as boias de chegada. Narón conseguiu o seu terceiro triunfo da temporada, esta vez por menos de 5 décimas de marxe en relación a Cedeira, que adiantou a Mugardos e asinou o seu mellor posto desta campaña. Con este resultado, Narón colócase líder cun punto máis que os mugardeses.
Lonxe das súas compañeiras de quenda finalizou Amegrove, oitava na clasificación da regata. O cuarto posto na bandeira obtívoo Vila de Cangas, gañadora na serie intermedia noutro vibrante man a man no que superou a Virxe da Guía. Por detrás dos morracenses e dos vigueses entrou Samertolameu Oversea B, que non puido rebaixar o tempo asinado por Castropol. Os asturianos impuxéronse con autoridade na primeira quenda a Puebla ‘B’, novena, e a Cabana-Ferrol, décima. Chapela non participou nesta cita ao detectarse un positivo COVID na súa tripulación. O triunfo de Mugardos, o terceiro da temporada, amplía o seu colchón como líder. Agora ten unha marxe de dous puntos con Narón. Chapela aproveitou a súa regata para empatar na xeral con Vila de Cangas e situarse quinta.