Samertolameu Oversea e Narón, campións das súas ligas
Mugardos gañou a bandeira da liga B sen a diferencia suficiente para facerse coa Liga B. Salgado-Perillo descende de categoría.Esteirana, Muros, Mugardos e Cedeira loitarán no play off por dúas prazas da Liga A 2022.
A Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia está preto de chegar ao seu final. A xornada deste sábado xuntou en Samertolameu, Moaña, á Liga A e á Liga B, na que sería a despedida desta última competición. A liga acábase pero non as regatas, xa que as traiñeiras volverán verse as caras a semana que vén no Trofeo Teresa Herrera da Coruña.
Precisamente a Liga B foi a que abriu o espectáculo. Con dúas quendas lanzadas partiron Puebla B, Castropol e A Cabana Ferrol na primeira e Amegrove, Samertolameu Oversea B, Virxe da Guía e Chapela dende a segunda. A primeira manga estivo liderada de principio a fin por Castropol. Por detrás chegou Puebla B, unhas centésimas por diante da Cabana Ferrol, que intentou sen éxito a remontada nun gran último longo. Unha remontada que si conseguiría na seguinte quenda Chapela. A embarcación de Redondela chegou cuarta á primeira virada e rematou segunda, superando a Virxe da Guía, terceiros, e a Amegrove, cuartos. A quenda gañouna Samertolmeu Oversea B cunha vantaxe importante sobre os seus rivais. Todos superaron ás embarcacións da primeira manga.
Na terceira quenda partiron Mugardos, Narón, Vila de Cangas e Cedeira. Regata clave para determinar ao campión de liga. A diferenza antes da xornada era de tan só dous puntos. Co obxectivo de conseguir remontar esa vantaxe saíu Mugardos. A embarcación da Bestarruza liderou dende a primeira referencia, pero con Narón aguantando moi preto e rematando na segunda posición. Os de Mugardos leváronse a bandeira e os de Narón a liga. Terceira foi Vila de Cangas e cuarto Cedeira, cun tempo mellor que os locais.
Liga A
Tras a liga B saía a competir a Liga A, con dúas batallas fundamentais: o primeiro posto e o descenso. Por eludir a última posición saíron Muros e Salgado-Perillo, compartindo quenda con Vilaxoán e Esteirana. Os vilaxoaneses fixeron valer o seu posto na liga e gañaron a manga. Segunda foi Muros, sen dar opcións aos seus rivais e eludindo o descenso directo. Terceira posición para a Estereina e cuarta para Salgado-Perillo. Os de Perillo perden a categoría un ano despois de conseguir o ascenso.
Á vez que a primeira quenda, saíu lanzada a segunda. Esta manga comezou moi igualada con Rianxo, Mera e Puebla no mesmo tempo na primeira referencia e Cesantes Rodavigo a cinco segundos. Pero a partir desa virada, a loita pola quenda quedou entras as dúas embarcacións do Barbanza: Puebla e Rianxo. Tras un final moi apertado a vitoria foi para os rianxeiros. Terceiro foi finalmente Cesantes Rodavigo que superou a Mera. A Mariñeira, ademais, cun tempo peor que o de Vilaxoán.
Despois de cinco quendas quedaba pechar a xornada coa disputa dos grandes favoritos da liga galega. O líder e o segundo clasificado comezaron marcando o mesmo tempo, con Cabo da Cruz terceira e Mecos cuarta. Na segunda e na terceira, o líder xa era Samertolameu Oversea, tres segundos por diante de Bueu Teccarsa. Cabo mantiña o terceiro posto e Mecos pechaba. A vantaxe de Samertolameu Oversea foi clave, xa que Bueu Teccarsa loitou a bandeira ata o final sen éxito. Por detrás nada cambiou, Cabo terceira e Mecos cuartaa. Ambas mellor que o resto de rivais.
Con este resultado, Samertolameu Oversea certificou o seu título á marxe do que aconteza a semana próxima na Coruña, regata que si será puntuable para a Liga A o sábado. Bueu Teccarsa tamén certifica o segundo posto e o acceso ao play off por unha praza na Liga ACT a vindeira tempada. Salgado Perillo, xa citado, descende á liga B e Esteirana e Muros enfrontaranse a Cedeira e Mugardos por dúas prazas da Liga A 2022.