Puebla aguanta a presión de Cesantes e segue invicta na LGT-B
A terceira xornada da Liga Galega de Traiñeiras B decidiuse por unha diferenza inferior aos 3 segundos. Puebla levouse o axustado pulso que protagonizou en Cesantes coa embarcación local e os remeiros de A Carmela mantéñense invictos. Ademais, co seu triunfo deste domingo adxudicáronse a XXXIV Bandeira Concello de Redondela.
O conxunto da Pobra do Caramiñal chegaba ao segundo día de competición en Cesantes cunha marxe de 18” sobre os anfitrións. A superioridade demostrada a tarde anterior por Puebla converteuse en igualdade respecto a equipo que remaba na casa. Despois de que os líderes foran os máis rápidos no primeiro longo, Cesantes situábase a so 1” na segunda virada.
O cara a cara non se resolveu ata o final da quenda de honra, con A Carmela cruzando a liña de meta cun tempo de 20:51.24, mentres que Cesantes facíao a menos de 3 segundos (20:54.11). Salgado-Perillo, sen opcións de involucrarse nesa pugna, concluía a 32 segundos dos gañadores, superando o crono que Castropol establecera na primeira manga.
Todas as traiñeiras rebaixaron os seus rexistros do sábado aproveitando que a intensidade do vento era menor na ría de Vigo. Castropol agradeceu esas condicións e dominou con comodidade a primeira quenda. Por detrás dos asturianos estableceuse un duelo entre Chapela e Narón que os redondeláns decantaron con claridade a partir do segundo parcial.
Sumando os tempos das dúas xornadas, Puebla conquistou a Bandeira Concello de Redondela por diante de Cesantes e de Salgado-Perillo.
Na clasificación xeral os do Barbanza reforzan o seu liderado alcanzando os 18 puntos e ampliando a 6 o seu colchón sobre a embarcación de Oleiros. Cesantes iguala con Castropol na terceira posición e Chapela desfai o empate con Narón. Os de Ferrolterra buscarán abandonar o cabeiro da táboa o vindeiro sábado na II Bandeira Cidade de Narón.