Portada ›› Remo ›› Crónica das regatas de Narón (Liga A) e Meira (Liga B)

Crónica das regatas de Narón (Liga A) e Meira (Liga B)

Crónica das regatas de Narón (Liga A) e Meira (Liga B)

Castropol vence en Meira e deixa vista para sentenza a Liga

Tras unha semana de parón con motivo da celebración do Campionato de España de traiñeiras, o Trofeo Xunta de Galicia regresou este sábado coa décima xornada da Liga A en Narón e coa quinta da Liga B en Meira. En ambas citas venceron as embarcacións que defendían as camisolas de líderes.

Para loitar pola IV Bandeira Cidade de Narón, os primeiros en saír a competir foron Mugardos, Puebla, Cesantes-Rodavigo e Narón. A traiñeira de Redondela foi a primeira en coller a cabeza, seguida de Puebla, Narón e Mugardos. Na segunda virada, a quenda dividiuse en dúas loitas, Cesantes-Rodavigo e os locais á par na cabeza e Puebla e Mugardos igualadas por detrás. No terceiro longo os de Redondela volvían coller a dianteira, cinco segundos por diante de Narón e 10” por riba de Puebla e Mugardos, de novo á par. A igualdade volveu ser máxima no último longo, onde Narón tentou sen éxito conseguir a remontada, por 1”, Cesantes-Rodavigo fíxose coa quenda. Por detrás, a situación foi similar con Puebla chegando por diante de Mugardos.

Tras unha primeira quenda disputada, na segunda partiron Mera, Mecos, Rianxo e a filial de Cabo da Cruz, e as chegadas estiveron aínda máis apertadas. Comezou liderando Rianxo por diante de Mera, Mecos e Cabo. Os da Virxe da Guadalupe por diante dos da primeira manga, o resto por detrás de Narón e Cesantes-Rodavigo e á par de Puebla. Rianxo mantíñanse por diante na segunda referencia, pero sendo só 1” máis rápida que Mera e 2” de Mecos, mentres que Cabo seguía cuarto no mesmo tempo de Cesantes-Rodavigo. Na terceira virada aumentáronse as diferencias, Rianxo continuaba na cabeza a 2” de Mera e a 5” de Mecos, con Cabo manténdose no mesmo tempo que fixeran os de Redondela na primeira maga. Pero no último longo a situación da regata deu un xiro, Mera púxose á par de Rianxo e nos últimos metros A Mariñeira consumou a remonta por apenas 28 centésimas. Por detrás, a situación foi similar con Cabo remontando 5” e gañando a Mecos por 25 centésimas.

Pecharon a IV Bandeira Cidade Narón os catro favoritos: Tirán-Pereira, Samertolameu-Oversea, Chapela-Wofco e Bueu-Teccarsa. A líder colleu a cabeza dende o primeiro momento con Samertolameu-Oversea e Tirán-Pereira a 2 e 4”, respectivamente. Pechaba Chapela-Wofco superando a todos os rivais das quendas anteriores agás a Cesantes-Rodavigo. Na segunda virada, os da Maruxía mantíñanse na cabeza, pero coas dúas traiñeiras de Moaña a menos de 2”. Chapela-Wofco continuaba lonxe, pero á par dos rivais da cabeza da segunda quenda. Na última referencia Bueu-Teccarsa daría un golpe clave, superando a Meira por 6” e a Tirán-Pereira por 8”, Chapela-Wofco, agora si, diante de todos os rivais das quendas anteriores. No último longo a Maruxía fixo boa a vantaxe e certificou a súa sétima vitoria desta campaña, segunda foi Samertolameu-Oversea, terceira Tirán-Pereira e cuarta Chapela-Wofco.

4G8A0387-(002)

Liga B

No campo de regatas da segunda clasificada na xeral, a líder invicta Castropol deixou vista para sentenza a Liga B. A embarcación asturiana sumou a súa quinta vitoria da temporada ao adxudicarse en Meira (Moaña) a II Bandeira Illa do Samertolameu-Fandicosta. Aos remeiros da Ría del Eo bástalles con sumar un punto este domingo como anfitrións para proclamarse campións matematicamente.

A quinta xornada da Liga B activouse cunha primeira quenda con tres traiñeiras en liza e na que Salgado-Perillo sorprendeu a Vila de Cangas no longo inicial. A tripulación de Oleiros virou 3” por diante dos morracenses e avantaxando en 12” a Muros. A reacción dos cangueses chegou no segundo parcial e os 3” de diferenza xa foron ao seu favor. A partir de aí, Vila de Cangas seguiu distanciándose de Salgado-Perillo, á que rematou batendo por 18”.

A segunda manga, a de honra, non rexistrou ningunha variación nas posicións que ocuparon as catro embarcacións que a disputaron. A intratable Castropol rachou a regata no primeiro longo, abrindo un oco de 8” sobre a local Samertolameu-Oversea B e de 13” respecto a Amegrove. Os cambios de posto nesta quenda acaparounos Cedeira. Cuarta na primeira referencia, A Candieira completou o segundo longo 3” por detrás do rexistro que marcara Vila de Cangas e igualada con Salgado-Perillo. Os de Ferrolterra non tardaron en recuperar a cuarta praza e a última virada executárona mellorando en 31” o tempo da Balea.

As condicións do vento variaron ao longo da serie honra, pero non afectaron ao dominio de Castropol, que cruzou as boias de meta 18” antes de que o fixera a filial de Meira. Amegrove finalizou terceira, a 17” de Samertolameu-Oversea B, e avantaxando en 12” a Cedeira, cuarta tamén na clasificación da regata.

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, e Paula Chinchilla, representante de Fandicosta, encargáronse da entrega da camisola de líder e da Bandeira, dous premios que recibiu Castropol na véspera de remar como anfitrioa e, probablemente, de celebrar o ‘alirón’.