Portada ›› Remo ›› Chapela Femenino e Bueu Teccarsa triunfan en Oleiros

Chapela Femenino e Bueu Teccarsa triunfan en Oleiros

Chapela Femenino e Bueu Teccarsa triunfan en Oleiros

Mugardos lidera en solitario a Liga B tras vencer en Narón

O Trofeo Xunta de Galicia e a Liga Galega de Traiñeiras A desprazáronse este sábado a Oleiros para disputar unha nova xornada da temporada. Cun novo campo de regatas, o Club de Remo Salgado Perillo ofrecía aos afeccionados unha espectacular vista da regata dende o Mirador Nirvana. Unha presentación á que os clubs responderon cunha sorprendente regata.

Subiron o pano as remeiras do Trofeo Xunta de Galicia cunha quenda na que Rianxo e Riveira volveron a disputar unha pelea moi igualada, polo menos ata a terceira virada, punto no cal Riveira consumou a remontada e meteu terra de por medio coa súa veciña do Barbanza para facerse coa manga. Ambas embarcacións gañaban con claridade a Mugardos e a Puebla. A mala fortuna cebouse coas remeiras pobrense que quedaron descualificadas ao non engadir o lastre ao barco.

A quenda seguinte estivo moi reñida dende o principio ata o final. Nas dúas primeiras referencias Chapela lideraba, pero tan só 2 segundos por diante de Salgado Perillo e Cabo, a cuarta era Tirán Pereira que tentaba non descolgarse. Na terceira referencia Chapela aumentaba a 3” a súa vantaxe con cabo, e a 8” con Perillo. Unha diferencia que as de Redondela conseguiron defender ata o último momento, gañando a VI Bandeira Concello de Oleiros por tan só 1” con respecto a Cabo. Salgado Perillo chegaba terceira a 10” e Tirán Pereira cuarta a case 1 minuto. Aínda así o seu tempo foi mellor que os das rivais da quenda anteiror. A primeira vitoria de Chapela na liga levouna a empatar a puntos con Cabo e a arrebatarlle o maillot ao obter o mellor resultado na última regata.

11_07_21_18

Liga A

Trala categoría feminina chegou o momento da Liga A. Se se pode cualificar a temporada de dúas maneiras serían igualada e imprevisible. As dúas primeiras quendas saíron lanzadas. Na primeira Vilaxoán e Rianxo lideraban seguidos de Salgado Perillo, que a súa vez superaba a Muros. Na segunda o que lideraba era Mecos, seguido de Puebla, Esteirana e Cesantes Rodavigo. En cada virada os tempos alternaban os primeiros postos de cada unha das quendas, sendo Vilaxoán o que finalmente marcou o mellor, entre estas dúas, tras superar a Rianxo na súa quenda. Mecos gañaba a súa cun tempo superior aos rianxeiros. Nesa mesma manga o segundo era Puebla, que a pesar de quedar preto de Mecos non conseguiu superar a Rianxo. Terceiro foi Esteirana e cuarto Cesantes Rodavigo, ambas superando os temos de Salgado Perillo e Muros.

Na quenda de honra, o Club de Mar de Bueu Teccarsa saíu lanzado cara a historia. Xa que a embarcación adestrada por José Ferral dominou con claridade a súa manga obtendo a primeira bandeira da liga A da Maruxía. En segundo posto chegaba o líder da liga, que recurtou segundos ata o final impedindo ningún relax dos campións. En terceira posición da quenda chegaba Mera pero cun tempo inferior ao de Vilaxoán, Mecos e Rianxo.

11_07_21_19

Liga B

Mugardos superou ao anfitrión na terceira xornada da Liga B masculina do Trofeo Xunta de Galicia e rachou o empate a puntos que había no máis alto da táboa. Os remeiros da Bestarruza sumaron este sábado a súa segunda vitoria da temporada na III Bandeira Cidade de Narón. No campo de regatas da Enseada da Gándara, as tres primeiras posicións volveron corresponder a equipos de Ferrolterra.

O segundo longo da quenda de honra resultou decisivo. Mugardos iniciouno 2 segundos por detrás de Narón, pero adiantou aos locais, cos que compartía liderado na xeral, e alcanzou o ecuador da regata cunha renda de 6” ao seu favor. Aínda que a tripulación que remaba na casa recortou a diferenza no terceiro parcial, e chegou a situarse a 2”, os portadores da camisola amarela mantivéronse firmes en primeira posición e venceron por 6” de marxe.

Por detrás de Mugardos, Narón estivo a piques de verse sorprendida por Cedeira, que no último longo remou 7” máis rápidos que os anfitrións, quedándose a só 1” de culminar a remonta. Cuarta entrou Amegrove, que grazas ao seu derradeiro parcial mellorou o tempo de Vila de Cangas, a máis rápida nas dúas primeiras quendas. Os do Morrazo saíran vitoriosos na súa serie dun axustado duelo cos seus veciños de Samertolameu Oversea ‘B’.

O sétimo posto conseguiuno Virxe da Guía, gañadora da primeira manga. A menos de 1” dos vigueses finalizou Castropol, que no último longo da quenda intermedia sorprendeu a Chapela. Os asturianos recuperaron 6” de desvantaxe e bateron ao esprint á Arealonga. A Cabana Ferrol, décima, e Puebla ‘B’, undécima, completaron a clasificación.