Cedeira estréase en Castropol e Narón consegue o liderado dende a casa
A Liga Galega de Traiñeiras B – Trofeo Xunta de Galicia desprazouse na tarde do domingo a Castropol para disputar a XXXIII Bandeira Princesa de Asturias. Cun bo ambiente no porto de Castropol, os afeccionados puideron gozar dunha regata moi disputada. Xornada de novo marcada pola ausencia de Narón e Amegrove por mor da pandemia.
Partiron na primeira quenda Castropol, Puebla B e A Cabana de Ferrol. Nunha manga na que os locais competiron con moita forza deixando sen opcións aos seus rivais. Os da Ría do Eo fixéronse coa quenda superando por 50 segundos a Puebla B e por máis dun minuto A Cabana de Ferrol.
A segunda quenda deixounos a primeira das batallas igualadas. Virxe da Guía e Samertolameu Oversea B calcaban os tempos nas tres primeiras referencias. Foi no último longo cando os de Meira conseguiron superar por un segundo aos seus veciños da Ría Vigo. Outro veciño de ría, Chapela, pechaba a quenda lonxe dos rivais. Todos por detrás de Castropol.
A terceira manga comezou cunha gran sorpresa. Vila de Cangas lideraba por diante de Cedeira e Mugardos. O líder, terceiro, marcaba o peor tempo de toda a regata. Unha situación que se volveu na seguinte referencia. Cedeira pasaba a Vila, e Mugardos seguía terceiro pero superando todos os rivais das quendas anteriores, agás Castropol, cuxo tempo seguía estando nos mellores da xornada. Un tempo contra o que competiron Cedeira e Vila de Cangas ata o último momento. Ambos conseguiron superalo, con premio para Cedeira, que consegue a primeira bandeira da súa historia. Vila de Cangas era segundo e Mugardos terceiro. O tempo do líder peor que o de Castropolo. Gran terceiro posto dos locais dende a primeira quenda. Pero a sorpresa da xornada chega co cuarto posto de Mugardos. Unha posición que o sitúa segundos na xeral, alzándose á primeira posición Narón sen saír a competir.