Portada ›› Remo ›› Cabo Feminino e Samertolameu Oversea remontan en Boiro para afianzarse nos liderados

Cabo Feminino e Samertolameu Oversea remontan en Boiro para afianzarse nos liderados

Cabo Feminino e Samertolameu Oversea remontan en Boiro para afianzarse nos liderados

O Trofeo Xunta de Galicia e A Liga A volveron desprazarse xuntas para acoller unha nova xornada de ambas ligas. Cabo da Cruz foi a sede da II Bandeira Femenina Rianxeira e da VII Bandeira Marina Cabo de Cruz - Concello de Boiro.

Como no día anterior, comezaron a competir as remeiras do Trofeo Xunta de Galicia. De novo cunha primeira quenda formada por Ribeira, Rianxo, Puebla e Mugardos. A manga estivo menos disputada que no día anterior. Desta vez foi Rianxo a que conseguiu coller a dianteira a Ribeira e non soltar o primeiro posto ata o final. Ribeira aguantou nos primeiros compases, pero a vitoria final das rianxeiras foi clara. En terceiro ligar chegou Mugardos, que estivo máis preto das súas rivais nas primeiras virada pero que acabou distanciada na segunda metade da regata. As debutantes da Puebla pecharon en cuarta posición.

Na seguinte quenda partían as novas líderes de Chapela, as anfitrioas de Cabo, Salgado Perillo e Tirán Pereira. A manga partiuse pronto en dúas batallas. Na cabeza Chapela lideraba seguido de Cabo e por detrás Perillo superaba a Tirán. Chapela mantiña a vantaxe con respecto a Cabo durante todas as referencias pero nun gran último longo as locais remontaban e obtiñan a bandeira e o maillot. En terceira posición chegou Salgado Perillo que defendeu o posto ante un gran final de regata de Tiràn Pereira.

11_07_21_21

Liga A

Logo da xornada feminina chegou o momento da Liga A, cunha regata moi incerta debido ás saídas marcadas polo desenlace da regata anterior. Desta forma Cabo saíu na primeira manga xunto con Cesantes Rodavigo, Muros e Salgado Perillo e nunha segunda quenda lanzada partiron Mera, Puebla, Rianxo e Esteirana. Mera e Cabo lideraron con claridade as súas mangas e alternaban os tempos, sendo finalmente os de Oleiros os que marcarían o mellor crono. Por detrás destas dúas, na primeira manga Cesantes Rodavigo obtiña a posición con claridade mentres que Rianxo dominaba á Pobra ata a última virada. Momento no que os pobrenses remontaron aos veciños e gañaron con contundencia a segunda posición, cun tempo mellor tamén que o de Cesantes. A primeira manga pechárona Muros e Perillo. Despois dunha batalla moi igualada os da Muradana salvaron a posición. O tempo de Salgado Perillo ademais foi mellor que o da Esteirana por centésimas. Os de Esteiro pecharon a clasificación.

Na quenda de honra competiron o líder Samertolameu Oversea, o gañador da bandeira de Oleiros Bueu Teccarsa, a sorpresa do sábado, Vilaxoán, e unha embarcación que se asenta nos postos de honra, Mecos. Saíu liderando Bueu, seguido moi de cerca por Samertolameu mentres Mecos e Vilaxoán pelexaban polo terceiro posto. A orde non se alterou ata o final, momento no que Samertolameu Oversea, ao igual que Cabo na categoría feminina, remontou para facerse coa bandeira e, neste caso, manter o maillot. Segunda foi Bueu Teccarsa e terceira Mecos. Os do Grove superaron aos rivais das quendas anteriores e afiánzanse como terceiros na clasificación xeral da liga. Cuarto foi Vilaxoán que non mellorou os tempos de Mera, Cabo nin a Puebla pero si do resto de rivais. Os de Vilaxoán tamén saen beneficiados desta fin de semana, chegaron décimos e rematan sextos.

Cabe destacar a presencia de público no Porto de Cabo de Cruz cumprindo con todas as medidas sanitarias.