Cabo Feminino e Bueu-Teccarsa acarician os títulos da liga gañando en Mugardos
Castropol selou en Muros o seu pleno de triunfos na Liga B
As tres competicións da Liga Galega de Traiñeiras - Trofeo Xunta de Galicia tiveron xornada este sábado. A Liga A e a Feminina desprazáronse ata Mugardos, mentres que a Liga B completou o seu calendario en Muros.
Como se se tratase dun guión escrito para as dúas bandeiras disputadas en Mugardos, a regata deparou un final similar nas vitorias de ambas ligas. Na Feminina, Cabo da Cruz gañou tras remontar a unha Chapela-Wofco que foi superada no último longo polas locais de Mugardos-A Cabana Ferrol, que conseguiron como locais o seu mellor posto da temporada. Na Liga A, o final foi practicamente idéntico: Bueu-Teccarsa gañou a bandeira tras superar a Samertolameu Oversea, que finalmente foi adiantada por Tirán-Pereira. Os resultados deixan a Cabo e a Bueu-Teccarsa a 4 e 5 puntos, respectivamente, dos seus perseguidores. Tendo en conta que quedan dúas regatas, ambas traiñeiras acarician os títulos das súas respectivas liga.
No caso concreto da IV Bandeira Feminina Reganosa, Tirán Pereira foi cuarta, Rianxo quinta, Castropol sexta, Salgado Perillo sétima, oitava Riveira e novena Puebla. Cos resultados acadados, Mugardos-A Cabana Ferrol ascende ao terceiro posto da xeral e Castropol ao sexto, en detrimento de Tirán-Pereira e Riveira, respectivamente.
Na VI Bandeira Concello de Mugardos, o cuarto clasificado foi Rianxo que gañou a quenda tras unha batalla moi igualada coa filial de Cabo da Cruz. Sexta rematou Chapela-Wofco, que quedou lonxe dos rivais da manga de honra e superou por un segundo a Mecos, terceira na segunda quenda. A oitava praza correspondeu a Cesantes Rodavigo, que gañou a primeira serie superando a Narón, Mugardos e Puebla. Os de Redondela e os de Narón quedaron por diante tamén de Mera, que rematou cuarta na segunda quenda. O resultado deixa a Cesantes-Rodavigo moi preto da salvación tras superar por catro puntos a Puebla, pasando de estar un por debaixo a tres por riba cando só queda unha regata que reparte puntos para a loita pola salvación.
Liga B
Na última cita do calendario da Liga B, Castropol puxo a guinda a súa impecable temporada. O conxunto asturiano conseguiu en Muros a sétima bandeira deste curso, noutras tantas regatas disputadas. A Ría del Eo, que xa selara o título de forma matemática na anterior xornada, venceu con claridade por diante de Samertolameu-Oversea B e de Amegrove, as dúas traiñeiras que a vindeira fin de semana disputarán o playoff na Coruña.
A VI Bandeira Muros de San Pedro celebrouse a seis longos e na primeira das dúas quendas dominou dende o inicio Vila de Cangas. Por detrás da Balea estableceuse un duelo entre Salgado-Perillo e o conxunto local, dúas traiñeiras que alcanzaron igualadas o ecuador da regata. De desnivelar a balanza encargouse Muros no cuarto parcial e o equipo que remaba na casa foi quen de manterse por diante da embarcación de Oleiros ata o final.
O interese de cara á clasificación xeral na quenda de honra tiña como protagonistas a Amegrove e Cedeira, que chegaban separadas por dous puntos na pugna por obter o segundo billete para o playoff. A Pabliño defendeu con éxito a súa posición nunha regata na que na segunda e na terceira virada marcou peor tempo que Vila de Cangas. Os de Porto Meloxo acabaron facéndose coa terceira praza, mentres que A Candieira non puido co rexistro da Balea e clasificouse quinta. Por diante delas, Castropol rachou a regata dende o primeiro longo e impúxose por 26” de vantaxe respecto a Samertolameu-Oversea B, segunda ao remate de todos os parciais.