Portada ›› Remo ›› CHAPELA-WOFCO, ARES E MUROS-ESTEIRANA PECHAN EN BOIRO E OLEIROS UNHA FIN DE SEMANA PERFECTA

CHAPELA-WOFCO, ARES E MUROS-ESTEIRANA PECHAN EN BOIRO E OLEIROS UNHA FIN DE SEMANA PERFECTA

CHAPELA-WOFCO, ARES E MUROS-ESTEIRANA PECHAN EN BOIRO E OLEIROS UNHA FIN DE SEMANA PERFECTA

A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia completou o seu calendario do mes de xullo con tres líderes intratables. Ares, gañando na cita boirense de Cabo de Cruz, e Chapela-Wofco e Muros-Esteirana, as triunfadoras do dobre evento celebrado en Oleiros, pecharon este domingo unha fin de semana na que só coñeceron a vitoria.

A IX Bandeira Marina Cabo da Cruz - Concello de Boiro, duodécima xornada da Liga A, disputouse nunhas boas condicións atmosféricas. O mar calmo e os ceos despexados convidaron a que numerosas persoas se achegaran a gozar do remo no Peirao de Cabo da Cruz.

A composición das quendas estivo marcada pola bandeira disputada o día anterior en Vilaxoán, uns resultados que non afectaron á primeira serie, onde os protagonistas foron os mesmos: Cesantes-Rodavigo, Puebla, Narón e Samertolameu-Fandicosta ‘B’. Demostrando que chegou máis forte a esta fin de semana, Cesantes comezou liderando a manga, moi preto estaba Puebla e pechaban Narón e a filial de Meira, os catro en 5 segundos. As diferenzas ampliáronse a partir da segunda virada, aínda que Puebla resistía o empuxe de Cesantes, Narón e Samertolameu comezaron a quedar máis atrasadas, os norteños, iso si, agora por diante de Meira. Unha situación que non cambiou no último longo. Cesantes volveu gañar a primeira manga, desta volta por diante de Puebla. A Carmela resarciuse da mala regata do día anterior. Terceiro da quenda foi Narón e pechou Samertolameu.

A segunda serie comezou coa novidade da presenza de Bueu-Simei, tras quedar quinta o día anterior. Xunto a A Maruxía competiron Cabo da Cruz ‘B’, Rianxo e Mecos. Ao igual que fixo Chapela-Wofco o día anterior, Bueu tampouco deu opcións aos seus rivais e gañou con contundencia a manga, establecendo o mellor rexistro da xornada ata ese momento. Por detrás dos morracenses a situación foi moi diferente. Para comezar, as tres traiñeiras chegaban á par á primeira virada, empeorando o tempo de Cesantes e igualando o de Puebla. As diferenzas comezaron a aparecer tralo segundo longo, cando a filial de Cabo se puxo por diante de Rianxo, e á súa vez, A Virxe da Guadalupe por diante de Mecos. Agora, as tres mellorando os tempos da quenda anterior. Pero cando parecía que os postos xa se definiran, os tempos da última virada mostraron a igualdade da regata. Cabo melloraba o de Cesantes, mentres que Rianxo situábase 5” por detrás dos de Redondela e 5 por diante dos seus veciños da Pobra. A Carmela estaba 3 por diante de Mecos. Os postos da quenda non variaron no último longo pero si a diferenza con respecto aos rivais da quenda anterior. Bueu-Simei e Cabo superaron a todos, pero Rianxo e Mecos quedaron por detrás de Cesantes, no caso da Mequiña, só 6 centésimas mellor que Puebla.

Co tempo de Bueu como referencia, as catro favoritas partiron a loitar pola bandeira. O bo ritmo da Maruxía viuse reflexado no primeiro longo, cando ningunha das embarcacións da última quenda puideron superala, só Ares se achegou 1” por detrás. Segunda virou Chapela-Wofco e terceira Castropol. Os asturianos empeoraban o tempo de Bueu, pero tamén o de Cesantes. Tirán-Pereira viraba en cuarta posición cun tempo que a situaba décima momentaneamente. A igualdade foi máxima na primeira virada coas doce traiñeiras en 10”. A situación na cabeza non cambiou no segundo longo, con Ares liderando e con Castropol e Chapela aguantando, agora o líder 2” mellor que A Maruxía. Pechaba Tirán, cun tempo que a situaba na quinta posición loitando co cronómetro de Cabo ‘B’. As posicións, incluíndo os 2” de diferenza de Ares con respecto a Bueu, mantivéronse na terceira virada. No último longo, coñecedoras dos tempos das súas rivais, as catro traiñeiras apertaron e así Ares foi capaz de superar o tempo de A Maruxía e facerse coa bandeira. Tamén o último esforzo de Chapela tivo premio e superou a Bueu por tan só 24 centésimas. Terceiro da quenda e cuarto da xeral foi Castropol e o quinto posto correspondeu a Tirán, que finalmente superou con folgura o rexistro da filial de Cabo. Cos resultados deste domingo, Ares aumenta a 13 puntos a súa marxe na clasificación xeral en relación a Bueu.

Liga B

As líderes tamén dominaron no dobre evento que este domingo tivo lugar en Oleiros. Na sexta xornada da Liga B, Amegrove marcou o ritmo por diante de Riveira e dos anfitrións de Salgado-Perillo. Os do Barbanza aguantaron con opcións de triunfo ata mediado o segundo longo, cando A Pabliño distanciouse para encarar o último longo cunha renda de 8" sobre Riveira e case medio minuto sobre Perillo. Amegrove non afrouxou, e cruzou a liña de meta cun tempo de 21:52:23 que posteriormente so melloraría a líder Muros-Esteirana. Foi a gran sorpresa da XXII Bandeira de Oleiros.

Mugardos-A Cabana Ferrol, segundo na clasificación xeral da Liga , quedou a 3" dos mecos pese a ter como referencia na súa quenda a Muros-Esteirana, que conquistou o seu quinto triunfo consecutivo. Chapela-Wofco ‘B’ finalizou na segunda serie cun tempo de 22:18:56, a 15” de Riveira, pero sendo 19” mais rápida que Perillo.

Tras o seu dobre triunfo na fin de semana, Muros Esteirana (35 puntos) aumenta a súa vantaxe sobre Mugardos- A Cabana Ferrol (30). A gran regata deste domingo de Amegrove permítelle afianzarse na terceira praza, con 3 puntos de marxe sobre a filial de Chapela.

Liga Feminina

Na competición das mulleres, pola súa parte, Chapela-Wofco volveu exhibirse. Leva pleno de triunfos, oito de oito, e o título teno practicamente asegurado. O Trofeo Teresa Herrera e a Bandeira da Concha aparecen xa como obxectivos a longo prazo. O seu gran momento de forma invita a soñar á líder da Liga Feminina.

Rianxo e Cesantes-Cefycal, segundo e terceiro respectivamente, completaron o podio da VIII Bandeira Concello de Oleiros feminian. A emoción estivo na loita pola cuarta praza. Salgado-Perillo, empuxada pola súa afección, impúxose na primeira quenda (26:24:64) e soñou con arrebatarlle o cuarto posto a Mugardos-A Cabana-Ferrol, que salvou o día cun espectacular último longo no que recortou 6 segundos ás locais. Castropol e Puebla, que contaron con moitos seareiros seguindo a proba, completaron a clasificación co sexto e sétimo posto respectivamente.

A clasificación xeral segue encabezada por Chapela con 56 puntos, 12 máis que Mugardos-A Cabana-Ferrol e superando en 13 a Rianxo. A loita pola segunda posición continúa igualada.