Portada ›› Remo ›› Bueu Teccarsa gaña nun final axustado no Grove

Bueu Teccarsa gaña nun final axustado no Grove

Bueu Teccarsa gaña nun final axustado no Grove

As remeiras de Cabo e os de Narón impuxéronse nas contra o reloxos de Mugardos

Cun día nubrado e un mar en calma, as regatas da Liga A – Trofeo Xunta de Galicia desprazáronse ao Grove para disputar a X Bandeira Virxe do Carme. Nun día marcado no calendario dos grovenses pola celebración das festas da súa patroa.

A regata comezou con Muros, Salgado-Perillo e Esteirana. Últimas clasificadas do día anterior e, coincidindo, as tres embarcacións que pechan a táboa. Ausente nesta quenda Cesantes Rodavigo por motivos de saúde. A manga comezou moi igualada coas tres embarcacións practicamente á par, sendo Esteirana a que pechaba. Pero a situación cambiou a partir do segundo longo. Primeiro, Esterirana púxose á altura de Perillo para logo adiantalo nun final xustado. Muros pechaba por detrás das súas rivais.

Na segunda manga a regata comezou de xeito similar, coas catro embarcacións parellas. Lideraban Vilaxoàn e Mera, seguíaas Rianxo e pechaba Cabo. Pero a partir do segundo longo Mera non deu opcións aos seus rivais e gañou a quenda con folgura. Por detrás, Vilaxoán partía con vantaxe con respecto a Rianxo que á súa vez defendía os poucos segundos cos que superaba a Cabo. Pero nun gran último longo, os de Cabo superaron a Rianxo e puxéronlle as cousas moi complicadas a un Vilaxoán que puido manter o segundo posto.

Os favoritos partían nunha última quenda que se rompeu en dúas loitas dende o principio. Por unha banda, Bueu Teccarsa e Samertolameu Oversea na pelexa pola bandeira e, pola outra, Pueba e Mecos loitando polo terceiro posto. Bueu Teccarsa marcaba mellores tempos que Samertolameu oversea, pero o líder nunca dá nada por perdido. Nun gran final, a Terca púxose á par da Maruxía, pero os de Bueu Teccarsa esta vez si aguantaron a posición para conseguir a segunda bandeira da temporada. Lección de solidariedade e compañeirismo dos rapaces de Bueu Teccarsa dedicando a vitoria a todo o equipo de Cesantes. A loita por detrás foi finalmente para Puebla, gran fin de semana dos remeiros da Carmela. Cuarto chegaba Mecos, pero cun tempo superior ao que fixera Mera na quenda anterior.

Con estes resultados, Samerolameu Oversea mantén o liderado con dous puntos de vantaxe. Igualase o acceso aos postos de honra con Cabo e Mera nos mesmos puntos e apértase o descenso: Muros supera a Salgado-Perillo por só un punto.

18_07_21_11

Liga Feminina

As outras dúas regatas desta xornada do Trofeo Xunta de Galicia tiveron como escenario Mugardos e celebráronse cun formato de contra o reloxo. A III Bandeira Feminina Reganosa rachou o empate a puntos que había no máis alto da táboa. As remeiras de Cabo da Cruz dominaron dende o primeiro dos seis parciais nas augas da Ría de Ferrol e venceron por diante da súa rival directa Chapela.

Na quinta xornada da Liga Feminina, as de Boiro asinaron un rexistro de 22:55,49, distanciándose en 19 segundos da embarcación redondelana. O duelo máis igualado mantivérono Tirán-Pereira e Salgado-Perillo, vencedora o día anterior en Chapela, pola terceira posición. As moañesas marcaron un segundo máis que as de Oleiros na última virada, pero remontaron nos metros finais. Quinta terminou Riveira, que desta vez puido con Rianxo, que tamén se viu superada na clasificación desta regata polas anfitrioas de Mugardos. Puebla non puido evitar o oitavo posto.

Liga B

Á V Bandeira Concello de Mugardos chegaba lanzada a traiñeira local, líder da Liga B masculina e gañadoras das tres últimas xornada. Porén, a tripulación da Bestarruza non puido facer fronte ao poderío exhibido por Narón. Os segundos clasificados da xeral asaltaron o campo de regatas do seu rival directo na clasificación e anotáronse o triunfo de xeito contundente.

A contra o reloxo dividiuse en dúas quendas e Vila de Cangas, a máis rápida na primeira serie, marcou un tempo na primeira virada que non conseguiu mellor ningunha das traiñeiras da segunda. Quen máis preto se quedou dos cangueses foi Narón, que na segunda referencia xa estableceu o maior rexistro e a partir de aí voou cara a vitoria. Co seu tempo de 21:08,08 rubricou o seu segundo triunfo desta campaña e fíxoo con 20 segundos de marxe respecto a Mugardos. Na xeral, a diferencia entre estes dous equipos da Ría de Ferrol redúcese a un punto.

Cedeira concluíu terceira, posto ao que está abonada, e a cuarta posición obtívoa Vila de Cangas, o seu mellor resultado desta temporada, clasificándose por diante de tres equipos que remaron na segunda quenda: Samertolameu Oversea B (quinta), Virxe da Guía (sexta) e Amegrove (sétima). A oitava praza correspondeu a Chapela, mentres que A Cabana – Ferrol regresou á competición, logo da súa ausencia o día anterior en Chapela, facendo novena ao bater por 3” segundos a Castropol e por 10” a Puebla ‘B’.