O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia abre mañá en Sada catro días de intensa actividade na terra e no mar
A apertura oficial da gran cita coa cultura mariñeira terá lugar este xoves, 3 de agosto, ás 20 horas, no porto de Fontán, despois dunha navegación inaugural con autoridades no balandro Joaquín Vieta
2 de agosto de 2023.- O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, arranca mañá, xoves, 3 de agosto, en Sada a súa décimo sexta edición con máis dun cento de barcos participantes, o que supón a volta á plena normalidade despois de que a pasada convocatoria, prevista para se celebrar en Moaña no verán de 2021, tivese que suspenderse por mor da pandemia da Covid-19. Será ás 20.00 horas no pavillón do Patrimonio, no porto de Fontán, onde está previsto que teña lugar o acto de inauguración oficial con autoridades e institucións, que serán recibidas en Sada ás 18.00 horas para participar nunha navegación inaugural a bordo do balandro Joaquín Vieta.
Con todo, a programación da gran cita coa cultura mariñeira e o patrimonio marítimo e fluvial ábrese xa de mañá, tanto en mar como en terra, a partir das 11.00 horas, cando está prevista a apertura das actividades permanentes, como son as mostras de oficios tradicionais, a ludoteca e obradoiros infantís e mais as navegacións diarias.
O XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia inclúe no seu programa unha chea de propostas lúdicas e culturais, como concertos, cinema, obradoiros para a cativada, presentación de libros e recitais, exposicións e recreacións, ademais de navegacións pola costa sadense e as localidades próximas durante as catro xornadas, así como unha concentración e exhibición dos participantes no porto de Fontán, visitas desde os peiraos e un bautismo de mar de novas embarcacións. As reservas para as saídas náuticas nos barcos Atyla e Joaquín Vieta están dispoñibles na web doencontro, mentres que a andaina de sendeirismo pola costa sandense, prevista para amañá do sábado, xa completou as súas 50 prazas.A programación completa do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiciaestá dispoñible na web oficial do evento.