Portada ›› Remo ›› Samertolameu Oversea repite vitoria en Vilaxoán e pon terra de por medio con Bueu

Samertolameu Oversea repite vitoria en Vilaxoán e pon terra de por medio con Bueu

Samertolameu Oversea repite vitoria en Vilaxoán e pon terra de por medio con Bueu

Cabo apuntala en Moaña o seu liderado na liga feminina

A Liga Galega de Traiñeiras A – Trofeo Xunta de Galicia desprazouse a Vilaxoán para disputar a oitava xornada da competición. A regata, de novo, veu marcada pola ausencia do Club de Regatas Salgado Perillo por motivos de saúde. E como novidade, o club de remo Vilaxoán mudou a orientación do campo de regatas cara o Noroeste.

Con esta nova orientación, partiron as primeiras embarcacións pola orde contraria á clasificación da regata de Bueu. Rianxo, Cesantes Rodavigo e Muros abriron a competición. Xustamente por esa orde chegaron á primeira virada con poucas diferenzas. Na segunda, Rianxo afianzábase 6 segundos por diante de Cesantes Rodavigo e Muros afastábase aínda máis. Na terceira referencia os de Cesantes recortaron a dous segundos e loitaron no último longo por superar a Rianxo, pero a Virxe da Guadalupe aguantou a posición por unhas décimas. Muros pechou a quenda.

A segunda manga comezou igualada cos locais de Vilaxoán liderando xunto con Puebla; mentres que Cabo viraba a un segundo e Esteirana a 9”. Pero a partir da segunda referencia Puebla colleu a cabeza en solitario e aguantou o primeiro posto ata o final. Por detrás Vilaxoán e Cabo pelexaron por unha segunda posición que finalmente foi para os de Boiro. Esteirana pechou a quenda cun tempo peor que Rianxo e Cesantes Rodavigo.

A quenda de honra comezou con dúas loitas, Bueu Teccarsa e Samerolameu Oversea na cabeza e Mecos e Mera 10 segundos por detrás loitando pola terceira posición. Os tempos dos dous primeiros superaban por pouco a referencia de Puebla. Mecos e Mera caían ata a 8ª e 9ª posición. A loita da cabeza rompeuse no segundo longo, Meira viraba 11 segundos por diante de Bueu. Unha diferencia que aumentaron ata gañar a quenda e a bandeira cunha diferencia de 17 segundos. Bueu Teccarsa chegou en segunda posición, empeorando nunhas centésimas o tempo de Puebla e os pobrenses certificaron o seu bo momento co segundo posto da bandeira. Mecos chegou terceira cun tempo peor que o de Cabo, e Mera pechaba cuarta caendo ata a 9ª posición superando só a Esteirana e Muros.

Tralo resultado de hoxe, Samertolameu Oversea afiánzase no liderado cunha vantaxe de 5 puntos con respecto a Bueu Teccarsa. Cabo recupera a cuarta posición e ponse 4 puntos por diante de Mera e 5 de Puebla, que se achega aos postos de honra. Por abaixo non cambia a clasificación con Perillo pechando un punto por detrás de Muros. Os postos de salvación márcaos Rianxo, 9 puntos por diante de Esteirana. A competición descansará unha fin de semana pola disputa do Campionato de España de Traiñeiras e regresará o 7 de Agosto coa VI Bandeira CCD Cesantes Concello de Redondela.

25_07_21_10

Liga Feminina

A sexta xornada da Liga Feminina deixa a Cabo da Cruz como líder reforzado. As remeiras de Boiro superaron a Chapela na III Bandeira Feminina XI GP Fandicosta e amplían a dous puntos a súa vantaxe no primeiro posto da xeral. As defensoras do título víronse obrigadas a remontar en augas de Moaña.

Chapela chegou á fronte da regata ao remate do primeiro dos catro longos na quenda de honra. As redondelanas viraron 2 segundos por diante de Cabo e distanciándose en 9” das anfitrioas de Tirán-Pereira. A reacción das líderes non se fixo esperar e no ecuador da regata xa mandaban con 2 segundos de marxe. A partir de aí, o equipo de Boiro foi ampliando a súa vantaxe para rematar obtendo o seu cuarto triunfo desta campaña. A diferenza respecto a Chapela na liña de meta foi de 11 segundos.

Tirán-Pereira clasificouse terceira na súa casa ao rebaixar os tempos das traiñeiras da quenda inicial. Esa primeira serie definiuse no primeiro longo, con Riveira abrindo un oco de 8” con Mugardos e de 34” en relación a Puebla, unha disposición que non variou. A participación en Moaña limitouse a seis traiñeiras dado que Salgado-Perillo e Rianxo non puideron competir debido a contar con positivos COVID nas súas tripulacións.