Chapela-Wofco imponse por partida dobre en Pedras Negras
As embarcacións que defendían as camisolas amarelas da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia reforzaron este sábado a súa condición de líderes con vitorias. A Liga Feminina e a Liga A ofreceron unha tarde de remo en San Vicente do Mar (O Grove), onde Chapela-Wofco venceu por partida dobre. O club berete levouse do campo de regatas de Pedras Negras as dúas bandeiras organizadas polo C.R. Mecos.
Con mar calmo e nun día solleiro, a IV Bandeira Feminina Virxe do Carme exerceu de cuarta xornada da Liga Feminina e comezou con dúas quendas lanzadas. O primeiro longo completouse con Cesantes-Bueu con 5 segundos de marxe sobre Castropol e Rianxo na primeira serie, mentres que na segunda A Cabana de Ferrol marcaba o mellor tempo das seis traiñeiras en liza con 5” de vantaxe respecto a Salgado-Perillo e 7 en relación a Cabo da Cruz.
As ferrolás non conseguiron dar continuidade a súa posta en escena e a segunda virada xa a realizaron por detrás de Salgado-Perillo, que se destacara en cabeza, e de Cabo da Cruz. Polo contrario, non cedía na primeira posición da súa manga Cesantes-Bueu, que sería a primeira traiñeira en cruzar a liña de meta. Castropol, que dende o segundo longo deixou atrás a Rianxo, rematou en segunda posición. O rexistro das gañadoras da primeira quenda rebaixárona as tres da segunda, con Salgado-Perillo manténdose firme no man a man polo primeiro posto con Cabo da Cruz, á que acabou batendo por case 6”.
Chapela-Wofco e Tirán-Pereira chegaban empatadas a puntos no máis alto da xeral e as redondelás non deron opción ás moañesas dende o arranque dunha serie de honra que foi retransmitida en directo na TVG2. A diferenza 3” na primeira virada, pasou a 8 na segunda, a 14 na terceira e a 20 na meta. Olalla Martínez, a patroa da Arealonga, recolleu a terceira bandeira da temporada para o seu equipo.
Por detrás das dúas primeiras, viviuse un derbi grovense entre Mecos e Amegrove. A Mequiña logrou 2” de vantaxe no primeiro parcial e esa renda elevouna a 8 no segundo. A Pabliño non puido reaccionar nos dous últimos longos e na clasificación da bandeira concluíu sexta. Pola súa banda, as anfitrioas fixeron terceiras ao rebaixar en 7” a marca de Salgado-Perillo.
LIGA A
A través da TVG2 tamén se puido seguir a XIV Bandeira Virxe do Carme, cuarta xornada da Liga A. As tres traiñeiras da primeira serie e as catro da segunda soltaron estacha cunha diferenza de dous minutos. Mecos finalizou o primeiro longo 6” por diante da filial de Cabo da Cruz e acadando 9 de diferenza respecto a Cesantes-Vigo. O tempo dos locais non o mellorou Mugardos, pero si as outras tres embarcacións da segunda quenda, comandadas por Bueu-Simei con 6” de vantaxe sobre Urme e con 8 en relación a Narón.
Nos restantes tres parciais só se rexistrou un cambio de posicións. Cesantes-Rodavigo adiantou a Cabo B no segundo longo. A estas dúas tripulacións dominounas con claridade Mecos para apuntarse a vitoria na súa manga. Os locais tamén se clasificaron por riba de Mugardos. Malia que Urme insistiu ata o final, Bueu-Simei amosouse sólida á fronte da segunda serie con Narón asinando un notable último longo que a levou a terminar a menos de 3” do equipo formado por Muros e Esteirana.
As catro primeiras da xeral na Liga A volveron ser as catro traiñeiras máis fortes nesta xornada. A invicta Chapela-Wofco colleitou o seu cuarto triunfo da temporada. Unha vitoria traballada ante dous conxuntos, Samertolameu-Oversea e Tirán-Pereira, que ofreceron un dos pulsos máis emocionantes do que vai de temporada.
Os líderes viraron na primeira ceaboga 4” antes que ‘A Terca’ e 6 que a “Mar do Con’. Castropol, sempre na cuarta praza da súa quenda, quedábase a 1” do tempo de Bueu-Simei, referencia que nos seguintes pasos polas boias melloraría. Chapela-Wofco aumentou a 8 o seu colchón de segundos no ecuador da regata, punto no que Tirán-Pereira collía a dianteira por milésimas no cara a cara entre veciños. No seguinte longo conseguía 2” de vantaxe sobre Samertolameu-Oversea e mesmo recortaba 1” a Chapela-Wofco, pero esa tendencia cambiou nun apaixonante último parcial. Ao mesmo tempo que os líderes se apuntaban a vitoria por 11”, as dúas embarcacións moañesas protagonizaban un esprint no que Meira remontou. A diferenza entre a segunda e a terceira clasificada non chegou a 1”.
