Portada ›› Remo ›› CHAPELA-WOFCO triunfa en Muros e Rianxo

CHAPELA-WOFCO triunfa en Muros e Rianxo

CHAPELA-WOFCO triunfa en Muros e Rianxo

O club berete lidera a Liga Feminina e a Liga A despois de que este domingo as súas remeiras remontaran ante Tirán-Pereira e de que os seus remeiros dominaran por diante de Samertolameu-Oversea

A segunda fin de semana de competición da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia rematou con Chapela-Wofco lucindo as camisolas amarelas da Liga Feminina e da Liga. O club berete fixo este domingo un ‘dobrete’, coas súas mulleres acadando en Rianxo a segunda bandeira da temporada e os seus homes prolongando en Muros a súa condición de invictos.

2A3A0075

O campo de regatas de Esteiro acolleu a XVIII Bandeira Concello de Muros, terceira xornada da Liga A. Despois da contra o reloxo da véspera en Mugardos, a regata organizada polo Club de Remo disputouse coas once traiñeiras repartidas en tres quendas. Nun día plácido para remar, na primeira serie medíronse a filial de Cabo da Cruz, Cesantes-Rodavido e Mecos. O conxunto do Grove rematou o primeiro dos catro longos con 6 segundos vantaxe respecto ás outras dúas embarcacións e no segundo parcial ampliou a súa diferenza a 16 segundos sobre os de Boiro e a 21 en relación aos redondeláns. Esas posicións non variaron ata cruzar as boias de chegada.

4G8A0334

Urme, o equipo local, compartiu a quenda intermedia con Bueu-Simei, Narón e Mugardos. Nesta serie establecéronse dous duelos dende o primeiro longo. Bueu-Simei realizou a primeira e a segunda ceaboga 2 segundos por diante dos anfitrións, mentres que Mugardos anulou no segundo parcial os 4 segundos que Narón lle metera na primeira referencia. A igualdade en ambos pulsos desapareceu na segunda parte da manga. A Maruxía destacouse na primeira posición para acabar impoñéndose por 8 segundos a Urme, e Narón mesmo concluíu máis preto dos locais -a 6 segundos- que de Mugardos, da que se distanciou finalmente en 10. Aínda así, a Bestarruza mellorou o tempo de Mecos.

2A3A0169

Os catro primeiros clasificados da xeral compareceron na última quenda. A invicta Chapela-Wofco saíu a por todas e no primeiro longo foi 4 segundos máis rápida que Samertolameu-Oversea, 5 que Tirán-Pereira e 10 que Castropol. Os beretes mantiveron a renda sobre os tercos no ecuador da regata. Ese ritmo non o puideron manter os do Con, a 9 segundos da Arealonga na segunda ceaboga, e os asturianos centrábanse en mellorar o tempo de Bueu-Simei, referencia da que ían á par. Chapela-Wofco rachou a quenda no terceiro longo, colleitando 8 segundos de colchón, e o seu terceiro triunfo obtívoo con 10 segundos de vantaxe respecto a Samertolameu-Oversea. A terceira praza na quenda e na bandeira correspondeu a Tirán-Pereira, a 12 segundos dos seus veciños, e a cuarta a Castropol, rebaixando en 9 segundos o tempo de Bueu-Simei.

LIGA FEMININA

A terceira regata da tempada da Liga Feminina do Trofeo Xunta de Galicia celebrouse en Rianxo, nun día nubrado, con pouco vento e mar en calma. As condicións foron óptimas para remar, favorecendo un desenvolvemento fluído e sen incidencias. En disputa estaba a IV Bandeira Feminina Concello de Rianxo, cun total de dez traiñeiras divididas en tres quendas, e moito en xogo tanto pola bandeira coma polo liderado da liga.

4G8A0436

Na primeira quenda competiron Cesantes - Bueu, Rianxo e Castropol. Rianxo, remando na casa, saíu con forza e tomou a dianteira desde o inicio, liderando na primeira virada con 6 segundos sobre Cesantes-Bueu e 16 sobre Castropol. As distancias mantivéronse na segunda virada, pero Castropol afundiuse ata os máis de 30 segundos. Na terceira e última virada, Rianxo afianzou o liderado, ampliando a súa vantaxe a 11 segundos sobre Cesantes, e mantivo esa marxe no último longo para certificar a vitoria na manga. Castropol, moi descolgada, pechou a quenda sen opcións.
A segunda quenda estivo condicionada polos resultados da xornada anterior en Mugardos, o que levou a Mecos —a cuarta da xeral— a compartir quenda con Salgado-Perillo e Cabo da Cruz. As tres embarcacións protagonizaron unha saída moi igualada, chegando á primeira virada practicamente xuntas, con Mecos unhas centésimas por detrás. No segundo xiro, Mecos e Perillo viraron no mesmo tempo, mentres Cabo quedaba a 6 segundos. Na última virada, Mecos colleu a dianteira e mantívoa ata o final para levarse a manga, con Perillo segunda a 5 segundos e Cabo terceira a 13. As tres superaron en tempo ás da primeira quenda.

celebracion

Na terceira quenda partían as favoritas: a nova líder da liga, Tirán-Pereira, acompañada de Chapela-Wofco, Amegrove e A Cabana de Ferrol, que remaba nesta quenda polo cuarto posto conseguido en Mugardos. Á primeira virada chegou liderando Chapela-Wofco, con Amegrove a 4 segundos e Tirán-Pereira a 6. No segundo xiro, as da Arealonga mantiñan o liderado, pero Tirán achegábase a só 1 segundo. Amegrove, sorprendentemente, caía ata os 25 segundos, en tempos similares ás da segunda quenda, e A Cabana chegaba aínda máis lonxe, por detrás mesmo de Rianxo.
Na terceira virada, Tirán Pereira consumou a remontada, pero no último longo Chapela-Wofco reaccionou con forza e deu a volta á situación, cruzando a meta en primeira posición e proclamándose gañadora da bandeira, recuperando ademais o liderado da liga. Tirán-Pereira foi segunda, mentres Amegrove, tras un inicio prometedor, rematou terceira da quenda pero sexta da clasificación xeral, por detrás de todas as embarcacións da segunda tanda. A Cabana de Ferrol, última da manga, rematou oitava, superada tamén por Rianxo, que firmou unha boa actuación na súa casa.