Javier de la Gándara apadriña o 'volanteiro' que constrúe Piueiro para o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia
- O regatista vigués será tamén o encargado de supervisar a finais deste mes a proba de auga do barco que se está construíndo nos estaleiros El Pasaje da Guarda.
- O volanteiro estrearase no Encontro organizado por Culturmar, Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos do 11 ao 14 de xullo na Guarda.
A Guarda, 9 de xuño de 2019. O regatista Javier de la Gándara, quen fose patrón do "Galicia 93" que participou na Volta ao Mundo a Vela hai agora 25 anos, será o padriño do ' volanteiro' que a asociación Piueiro está a construír con motivo do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O afamado navegante vigués, que xa visitou varias veces o estaleiro El Pasaje para supervisar a construción, aceptou ilusionado o ofrecemento da directiva de Piueiro e lamentou non poder estar o día da exhibición, xa que coincide coa súa participación nunha regata fóra de Galicia. Con todo, da súa implicación no proxecto falan as visitas que realizou e realizará a esta localidade de Baixo Miño para ofrecer a súa experiencia e colaboración, que culminarán coa proba de auga.
Piueiro ten xa moi avanzada a construción deste volanteiro, unha embarcación da que se teñen referencias desde o século XVII, que viviu o seu momento de maior esplendor no XIX e que desapareceu a comezos do XX polo xurdimento dos arrastreiros.
Na tarefa de revivir este barco leva involucrada a asociación que preside Joaquín Cadilla varios meses, seguindo de preto cada un de os pasos que se dan no estaleiro. A embarcación, cuxo bautismo e proba de auga espérase para finais deste mes de xuño, terá a súa posta de longo no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo. Catro días de celebración cultural, organizados por Culturmar, Piueiro e o Instituto de Estudos Miñoranos nos que non faltarán concertos, talleres, espectáculos de danza, bautismos de mar e unha infinidade de actividades centradas na divulgación do patrimonio mariñeiro de Galicia
A de Javier de la Gándara é unha nova e decisiva adhesión ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que organiza Culturmar coa colaboración da asociación Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello da Guarda, co patrocinio da Xunta de Galicia e o apoio da Deputación de Pontevedra.
Colaboradores de luxo para o volanteiro
A construción do volanteiro, seguindo fielmente os planos atopados no proceso de recuperación da memoria mariñeira da Guarda, contou cun amplo grupo de colaboradores entre os que destacan: Astilleros Armón, Abanca, Murimar Seguros, Grupo Botas, Cabomar, Copemar S.A., Espaderos del Atlántico, Carbopesca-Pescadores de Carboneras, Asociación de Armadores de Marín-Opromar, MTD (Marine Technology Development), Zodport-Salvamento Marítimo Profesional, Inxenia Desarrollos Tecnolóxicos, Aserport Consignatarios, Cadilla C.B., Torres y Gago Lda, Antonio Elías Rodríguez y las comunidades de montes de A Guarda, Salcidos y Camposancos.